O Concello de Zas presenta este sábado a súa nova páxina web municipal acompañada dunha charla sobre IA

O Concello de Zas presenta este sábado, 17 de xaneiro, a súa nova páxina web municipal, que pasará a estar dispoñible no dominio concellodezas.gal. Trátase dun novo espazo dixital máis accesible, intuitivo, visual e cómodo para a navegación, pensado para mellorar a comunicación coa veciñanza e facilitar o acceso á información municipal. 

O acto de presentación terá lugar o sábado 17 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, nas Torres do Allo, e contará coa intervención do alcalde de Zas, Manuel Muíño, da responsable da empresa Medialeva, Gema Lema, e do responsable de WP Nordés, Diego Alonso, empresas encargadas do desenvolvemento do proxecto. 


Conferencia sobre a intelixencia artificial e nova canle de WhatsApp

Ademais, no marco desta xornada celebrarase a conferencia titulada ‘A Intelixencia Artificial na vida das persoas’, que será impartida polos recoñecidos profesores do IES Maximino Romero, Óscar Manuel Rey e Fina Paulos, achegando unha reflexión divulgativa sobre o impacto desta tecnoloxía no día a día da cidadanía.  
Durante a presentación tamén se avanzarán detalles sobre a nova canle de WhatsApp do Concello de Zas, unha ferramenta que substituirá ás actuais listas de difusión e que permitirá unha comunicación máis directa, áxil e ordenada coa veciñanza. 

Máis novas