Fina Paulos Lareo e Óscar Rey Calo seguen rompendo barreiras con outro premio estatal polo fomento das Competencias Dixitais no ensino
Tremendo o que levan conseguindo Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo. A de Oleiros e o de Corme, afincado en Fisterra, son dous mestres do ensino público galego, do IES Maximino Romero de Lema, que están rompendo todas as barreiras da ensinanza. Como docentes dunha FP da área de competencias dixitais, levan anos sendo pioneiros na aplicación da Intelixencia Artificial no ensino, e espallando o seu potencial para o uso doméstico, cotián. Os traballos do seu alumnado levan colleitado premios por todo o estado, algo que non pasa desapercibido nun para o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Mentres esperan o resultado da final dos Premios nacionais Educa Abanca, o ente estatal vén de recoñecer aos dous mestres do centro baiés, co primeiro premio na categoría 3 — Modalidade B (Recurso Educativo Aberto elaborado por dous docentes) nos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do Alumnado 2025. Aí é nada!
Este galardón pon en valor a traxectoria de ámbolos dous docentes no ámbito da innovación educativa e da investigación aplicada á práctica docente, cunha clara orientación cara á atención á diversidade, a inclusión e o compromiso social, así como o uso consciente, crítico e transformador das tecnoloxías dixitais no ensino.
O proxecto premiado consiste na creación dun Recurso Educativo Aberto (REA) a partires dunha experiencia didáctica, de entre as moitas que estes profesores levaron a cabo nas súas aulas o curso académico 2024-25. Nesta ocasión, o valor diferencial do traballo non reside unicamente no proxecto orixinal, senón no proceso de análise, adaptación e sistematización pedagóxica desenvolvido para converter a experiencia nun recurso aberto, reutilizable e replicable en calquera centro educativo do Estado, independentemente do seu contexto.
O Ministerio destacou especialmente a súa contribución ao desenvolvemento da competencia dixital do alumnado, así como a integración de metodoloxías activas baseadas na Aprendizaxe Servizo, o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e a investigación educativa orientada á mellora da práctica docente. Estes enfoques permiten responder á diversidade do alumnado, garantir a accesibilidade ás aprendizaxes e conectar a escola coa realidade social da súa contorna.
”Este premio supón tamén unha clara aposta por unha educación dixital con responsabilidade social, que fomenta a transferencia de coñecemento entre o profesorado, o traballo colaborativo e a construción dunha escola pública máis xusta, inclusiva e innovadora”, explica Paulos. “Agradecemos a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas neste proceso, que pon en valor a educación galega, pública e rural como espazo de innovación, investigación e excelencia pedagóxica”.
O acto oficial de entrega do premio celebrarase o vindeiro 2 de marzo na sede do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, en Madrid.





