O Concello de Zas e a veciñanza formulan unha estratexia conxunta para esixir máis persoal para o Centro de Saúde
O de Zas é outro dos centros de saúde da comarca que ten problemas co persoal sanitario. A mala xestión do Sergas e a mala planificación da formación a nivel estatal provoca que a atención primaria do país, que debería ser o alicerce do sistema público sanitario, sufra provocando alongamentos significativos dos prazos para obter cita médica, así como problemas recorrentes para cubrir as suplencias necesarias. Unha situación que está a xerar inquietude e malestar entre a veciñanza, especialmente entre os colectivos máis vulnerables.
Ante esta situación, o Concello de Zas vén de convocar á veciñanza a unha reunión informativa que se celebrará este venres, 13 de febreiro, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Zas, co obxectivo de analizar a situación actual do Centro de Saúde de Zas, que nos últimos meses vén sufrindo importantes dificultades derivadas da marcha dun dos médicos titulares e da ausencia de pediatra.
Desde o goberno local liderado por Manuel Muíño considérase que a situación é preocupante e insostible no tempo, polo que se fai necesario abrir un espazo de diálogo coa cidadanía para informar con transparencia, recoller achegas e valorar conxuntamente as medidas que se deban adoptar para reclamar unha solución efectiva ás administracións competentes.
Neste sentido, Muíño asegura que “a sanidade pública é un servizo esencial e non podemos permitir que o noso Centro de Saúde siga perdendo recursos sen que se dean respostas claras”. Segundo explica o rexedor, “a marcha dun médico titular e a falta de pediatra están a sobrecargar o servizo existente e a obrigar á veciñanza a esperar máis do razoable para ser atendida”.
Muíño lembra que “non se trata dun problema puntual, senón dunha situación que se está a prolongar no tempo sen que as suplencias cheguen con regularidade”, e advirte de que “isto está a xerar unha sensación de abandono que desde o Concello non podemos aceptar”.