Gran interese na presentación do libro "Toponimia de Zas"
O auditorio de Baio acolleu na tarde deste pasado a presentación do libro Toponimia de Zas, unha obra de referencia asinada por Xosé María Lema Suárez que afonda na orixe, significado e evolución dos nomes de lugar do concello.
Trátase dunha obra que se enmarca dentro da colección Terra Nomeada, que xa conta con trece volumes, editada pola Real Academia Galega coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica e o apoio do Concello de Zas. O acto reuniu arredor de 80 persoas, entre elas destacadas figuras do ámbito cultural e académico, escritoras e escritores, representantes de asociacións e público chegado de distintos puntos da Costa da Morte e da provincia, como Ferrol, Santiago de Compostela, A Coruña ou Teo.
A presentación contou coa participación de membros da Real Academia Galega, especialistas en onomástica e lingua galega, que coincidiron en salientar o rigor científico, a profundidade da investigación e o valor engadido da obra.
O membro da Real Academia Galega Antón Santamarina destacou que o traballo de Xosé María Lema se inscribe nos estudos toponímicos galegos, abordando tanto os topónimos transparentes como aqueles de orixe máis escura. Subliñou especialmente a
capacidade do autor para sacar á luz nomes de lugar aparentemente opacos mediante hipóteses sólidas, respectando as leis fonéticas do galego, a coherencia semántica e o sentido común. Santamarina puxo tamén en valor que o libro non se limite á explicación
etimolóxica, senón que incorpore información histórica, arqueolóxica, demográfica e etnográfica, converténdoo nunha obra de consulta imprescindible para comprender mellor o territorio e a súa historia.
Pola súa banda, a académica da Real Academia Galega Ana Boullón incidiu na complexidade metodolóxica que implica o estudo da toponimia, que require coñecementos da historia da lingua, da documentación histórica, da xeografía e mesmo da evolución dos apelidos. Neste sentido, salientou que Toponimia de Zas responde plenamente aos criterios científicos da colección Terra Nomeada, da Asociación Galega de Onomástica e da Real Academia Galega, e valorou moi positivamente a implicación do Concello de Zas na coedición da obra, como exemplo do papel que poden xogar as administracións locais no estudo da identidade e da memoria colectiva.
A intervención de Evaristo Domínguez serviu para debuxar un amplo retrato da traxectoria vital e intelectual de Xosé María Lema, ao que definiu como unha figura imprescindible no estudo da historia, da onomástica e da cultura da Costa da Morte. Destacou a súa extensa produción investigadora e divulgativa, o seu compromiso coa lingua galega e a súa capacidade para abordar ámbitos moi diversos cunha visión humanista e integradora.
No seu turno de palabra, Xosé María Lema agradeceu as achegas dos intervintes e o apoio institucional do Concello de Zas, e lembrou que a toponimia non é unha ciencia exacta, senón un campo aberto á revisión constante a partir de novas fontes documentais. O autor explicou que o libro recolle 145 entradas toponímicas correspondentes ás doce parroquias do concello, incluíndo lugares habitados, núcleos desaparecidos e espazos xeográficos de especial interese, e puxo de manifesto como os nomes de lugar constitúen unha auténtica memoria histórica do territorio.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, pechou o acto agradecendo á Real Academia Galega que permitise a participación do concello na edición do libro. Puxo en valor o traballo rigoroso e paciente de Xosé María Lema e reafirmou o compromiso do Concello coa
promoción da cultura, da investigación e da lingua galega, salientando o esforzo que está a facer o propio concello na edición de obras como esta, na difusión do coñecemento da historia local e nas escavacións arqueolóxicas que se están a desenvolver en Brandomil.
Outras novas de Onomástica
- O Seminario de Onomástica analiza a historia de Cereixo.
- Cabana no Seminario de Onomástica da RAG
- Laxe no Seminario de Onomástica da RAG.
- O Allo e Cebola no Seminario de Onomástica con Xosé María Lema