Venres. 29.03.2024
El tiempo

Zas

O Allo e Cebola no Seminario de Onomástica con Xosé María Lema

Achegouse este luns a Real Academia Galega por Zas para continuar a súa campaña Toponimízate. Despois da aportación da veciñanza de Fornelos, todas as parroquias do termo municipal estaban invitadas a encher de topónimos e microtopónimos a plataforma de Galicia Nomeada.

Parelelamente, a entidade lanza dous novos episodios da serie audiovisual da Real Academia Galega O Seminario de Onomástica responde. Non é outro que Xosé María Lema Suárez o que analiza a procedencia dos topónimos Allo e Cebola.

Lembra que as Torres do Allo, consideradas o primeiro pazo da historia de Galicia, se comezaron a construír entre finais do século XV e comezos do XVI. Esta alfaia da arquitectura civil galega serviu posteriormente como modelo das casas señoriais en toda a xeografía do país e arredor dela medrou a parroquia e os diferentes lugares habitados que a compoñen. Porén, o nome da freguesía está documentado con anterioridade e nada ten que ver con elas, apunta Xosé María Lema.

O académico correspondente destaca a teoría que sostén que o nome do Allo procede do latín angulum, que significa ángulo ou meandro dun río. “No paso do latín ao galego, deu lugar primeiro a anllo e despois, neste caso, a Allo”, detalla.

Canto á veciña A Cebola, ao contrario do que tamén puidera parecer, o seu nome tampouco é un fitotopónimo, un nome de lugar con orixe na denominación dunha planta. “É unha creación festiva replicante dos propios veciños con referencia ao Allo. Seguramente dixeron: Se ti es do Allo, eu son da Cebola”, apunta.
 

 

Moito traballo por facer na comarca

Son moitas as diferencias de topónimos colleitados na Costa da Morte no Visor da Galicia Nomeada. Dende Concellos con máis de 5.000 topónimos rexistrados a outros que non chegan a 100… Para un total de topónimos colleitados a novembro de 2022 na comarca de 28.851.

Concello Nº Topónimos
rexistrados en
Galicia Nomeada
Cabana 540
Camariñas 94
Carballo 597
Carnota 3295
Cee 197
Corcubión 16
Coristanco 5741
Dumbría 138
Fisterra 77
A Laracha 5691
Laxe 78
Malpica 591
Mazaricos 329
Muros 3692
Muxía 265
Ponteceso 2350
Santa Comba 654
Vimianzo 3972
Zas 534
TOTAL (novembro 22) 28851

Máis novas sobre toponimia

O Allo e Cebola no Seminario de Onomástica con Xosé María Lema