Lelucha e María levaron a tradición popular ao IES de Baio

Quen mellor que expresar o sentido das Letras Galegas deste 2025 que Lelucha e María. No marco da intensa Semana Cultural, o IES Maximino Romero de Lema recibía unha das citas máis esperada e emocionante: María Silva, de Langueirón e Manuela Ángela Tomé (Lelucha), de Muíño, (non puido acodir por sentirse indisposta María Souto) compartiron a súa experiencia e a súa paixón pola música e a poesía popular.

As dúas cantareiras abriron o acto cunha pandeirada enchendo o ambiente de música. A continuación comezou unha charla distendida co alumnado e co profesorado presente, contando como aprenderon a tocar a pandeireta e a cantar de xeito natural nas súas casas, simplemente escoitando. Que naqueles tempos non tiñan pandeireta propia, así que, xuntábanse varias para mercar unha e compartíana nas foliadas.

Comezaron a tocar aos 14 ou 15 anos aproximadamente; Lelucha dixo que pasou case corenta anos sen tocar porque casou, tivo fillos... e que despois retomou con naturalidade aquilo que nunca deixou de ser parte dela. Un ritmo que lles gusta moito e que lles fai rir é o “chiquichi”, pero tamén gozan moito co vals ou a rumba.

Acabaron pasando pola TVG, en programas como o Alalá ou o Luar, onde precisamente repiten esta mesma noite de venres. 

Foron animando a charla coa interpretación de distintas pezas tradicionais que fixeron que algúns dos presentes non puidesen evitar botarse a bailar. Armouse unha foliada en toda regra: música, baile, cantares populares e moita alegría para celebrar as nosas raíces.

Máis novas