Máis dun milleiro de alumn@s quecen a lingua para a gala final do proxecto "Falemos + galego"

Xa non queda nada para o 18 de xuño. Será un xoves especial para os centros de ensino da comarca, que participarán na Gala final da  iniciativa Falemos + Galego. O proxecto normalizador leva implicando a toda a comunidade escolar na dignificación da lingua galega, e o xoves 18 vivirán na Praza Jorge Mira unha xornada moi especial.

A gala reunirá arredor de 1.000 rapaces e rapazas procedentes de 14 centros educativos da Costa da Morte, nun evento pechado dirixido exclusivamente ao alumnado participante.

Durante a xornada, presentada por Fran Hermida, desenvolverase unha programación centrada na promoción e defensa da lingua galega, coa entrega de premios aos mellores logos e vídeos en defensa do galego, varias actuacións do alumnado dos centros educativos, con grupos de gaitas, pandeireteiras e regueifas e un especial peche musical coa actuación de 9Louro, un dos referentes actuais da música galega e fenómeno de gran impacto entre a mocidade.

Os centros participantes:

  • IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas), o anfitrión.
  • IES Lamas de Castelo (Carnota),
  • CPI Plurilingüe A Picota (Mazaricos),
  • IES Fernando Blanco (Cee),
  • IES Agra de Raíces (Cee),
  • IES Fin do Camiño (Fisterra),
  • IES Ramón Caamaño (Muxía),
  • IES Terra de Soneira (Vimianzo),
  • IES Plurilingüe Pedra da Aguia (A Ponte do Porto – Camariñas),
  • CPI de Zas, CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños),
  • IES Urbano Lug ís (Malpica),
  • IES Parga Pondal (Carballo),
  • IES Eduardo Pondal (Ponteceso).

Máis novas