A campaña “Falemos + Galego” prepara a súa gala afondando no orgullo costeiro e lingüístico da nosa mocidade
Avanza, ao longo do curso, a campaña “Falemos + Galego”. Un proxecto educativo que, por terceiro ano consecutivo, se desenvolve nos 14 centros da comarca que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, para reverter o devir lingüístico entre a mocidade do país. Unha iniciativa que crea identidade e comunidade, que tece redes, que fortalece o orgullo de pertenza á comarca e a promover o uso e o prestixio social da lingua galega entre a mocidade.
Tralo fermoso festival de fin de curso do ano pasado na Barca, este ano tócalle ao IES Maximino Romero de Lema facer de anfitrión e organizador do concurso e da Gala.
Unha gala que se celebrará o xoves, 18 de xuño, a partir das 10:30h na Praza Jorge Mira, Baio (A Coruña), á que acodirán centos de rapaces da zona, para goxzar das sorpresas culturais que arma o centro baiés, e para coñecer os gañadores do concurso convocado para a creación dun lema, un logotipo e un vídeo en defensa do galego. Un certame do que volveremos formar parte do xurado dende a familia de QPC.
A Gala verase tamén enriquecida por intervencións musicais a cargo de alumnado e de intérpretes convidados, que conferirán ao acto un especial relevo cultural.
Os centros participantes:
- IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas), o anfitrión.
- IES Lamas de Castelo (Carnota),
- CPI Plurilingüe A Picota (Mazaricos),
- IES Fernando Blanco (Cee),
- IES Agra de Raíces (Cee),
- IES Fin do Camiño (Fisterra),
- IES Ramón Caamaño (Muxía),
- IES Terra de Soneira (Vimianzo),
- IES Plurilingüe Pedra da Aguia (A Ponte do Porto – Camariñas),
- CPI de Zas, CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños),
- IES Urbano Lug ís (Malpica),
- IES Parga Pondal (Carballo),
- IES Eduardo Pondal (Ponteceso).