As obras da ponte de Baio provocan un novo corte na estrada de Baíñas

A ponte de Baio tampouco estará aberta para a ponte da Constitución. Mentres, os empresarios agardan con impaciencia que rematen as interminables obras que separa unha vila. E mentres, os peches continúan sendo habituais, como o que pechará a estrada de Baíñas a Baio entre as 08,00 e as 20,00 horas destes luns e martes.

Débese á presencia na AC-552 dunha grúa automóbil de gran tonelaxe que impedirá o paso de vehículos. Unha grúa que está colocando as lousas (unhas pezas de 12 metros de longo de ata 25 tonneladas) para a ampliación da ponte.

Informan do desvío alternativo que hai que coller, se ben se mantén operativo o paso de peóns. E dende a Xunta confirman que a circulación na ponte reabrirase o 10 de decembro, tal e como se informou esta mesma semana aos veciños e empresarios.

Pero ollo, que non é o peche definitivo. Unha vez aberta ao tráfico a ponte, continuarase cos traballos de remate das obras (aglomerado, beirarrúas, sinalización), que precisarán de cortes puntuais, que se realizarán en 2022, unha vez finalizado o período de Nadal.

”A Xunta lamenta as molestias que as obras lle están a causar á cidadanía pero razóns de seguridade fan necesario un tempo desde a colocación das lousas ata a apertura ao tráfico e a entrada en carga da estrutura construída”, explican lembrando as dificultades técnicas coas que se atoparon ao inicio das obras.

Novas relacionadas