Repasando o millón de euros que a Deputación inviste no Concello de Zas a través do Plan Único

Jose Manuel Brenlla e Lolo Muíño coa deputada socialista Cristina García

Xa fixemos unha ollada comarcal repasando concello a concello os 18 millóns que o Plan Único da Deputación deixa neste 2025 na Costa da Morte. Hoxe, mércores 9 de abril, poñemos o foco no Concello de Zas, trala deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey. Acompañada do rexedor Lolo Muíño, e do concelleiro José Manuel Brenlla repasaron as obras realizadas cos fondos dun Plan (tamén chamado POS+) que permite ao concello zaseiro, con total autonomía, decidir en que inviste 1.065.814,90€.

Visitaron as obras de adecuación de bordo da estrada entre o núcleo urbano de Zas e o núcleo rural de Ventoseco. “Obras como esta son o mellor exemplo de como o Plan Único contribúe á mellora da calidade de vida da veciñanza, que ese é, en esencia, o fin deste plan”. “Pero non so iso”, sinalou Cristina García, “senón que tamén permite financiar servizos básicos municipais a través do gasto corrente, ofrendo aos concellos un alento económico para afrontar as elevadas competencias impropias que están asumindo.”

Pola súa parte, o alcalde, sinalou que “é importantísimo para os concellos, pois posibilita facer inversións que doutro xeito os concellos pequenos como o noso serían máis complicadas. Como vemos nesta obra é unha mellora para os veciños que imos continuar ata o seguinte lugar, que é Gontalde. Para todos os concellos, independentemente da súa cor política, a axuda da Deputación é imprescindible”.

 

Máis novas do POS