As Torres do Allo terán un horario de apertura especial para Semana Santa
A oferta da Costa da Morte para esta Semana Santa aderézase coa que nos trae o Pazo máis antigo de Galicia. As Torres do Allo ampliarán os seus horarios abrindo de maneira continuada entre os días 12 e 20 de abril en horario de 11 a 20h.
Todas aquelas persoas que desexen afondar un pouco máis na apaixonante historia das Torres terán a posibilidade de participar nunha das visitas guiadas diarias que se farán ás 13h e ás 17h e os máis cativos contan coa opción do Xogo de Pistas “O legado de Francisca”. Ademáis estará dispoñible a exposición, “As Torres tal como eran”.
“As Torres tal como eran. Últimas pegadas dunha vida fidalga” é un percorrido a través de 12 fotografías en grande formato (100 x 85 cm) colocadas nos mesmos espazos onde foron realizadas para que os/as visitantes poidan apreciar como eran antigamente esas dependencias e os cambios experimentados a través do tempo.
O 19 de abril realizarase un obradoiro para celebrar o día do planeta no que poderán participar nenos e nenas de 5 a 10 anos de balde. Anunciarase máis detalles deste evento nas redes sociais das Torres do Allo nos próximos días.