mércores. 30.04.2025
El tiempo

As Torres do Allo abren 8 meses de actividades

Lolo Muino e na Presentación do programa das Torres do Allo 2025
O alcalde de Zas Lolo Muíño e Leo González, coordinador das Torres do Allo, presentando o programa
As Torres do Allo abren 8 meses de actividades

Un completo programa o que vén de presentar o Concello de Zas para manter a actividade nas Torres do Allo de aquí a final de ano. Grazas ao convenio asinado coa Deputación da Coruña, o Concello destinará no 2025 máis de 25.000 € ao financiamento dun amplo e diverso programa de actividades culturais e didácticas.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, e o edil Leo debullaron a programación que afianza o pazo máis antigo de Galicia como un referente cultural de primeiro nivel na Costa da Morte. 

CARTEL TORREs DO ALLO_2025_insta

Semana Santa

A primeira cita será coa chegada case inminente da Semana Santa, cando o pazo ampliará os seus horarios abrindo de maneira continuada entre os días 12 e 20 de abril en horario de 11 a 20h. Todas aquelas persoas que desexen afondar un pouco máis na apaixonante historia das Torres terán a posibilidade de participar nunha das visitas guiadas diarias que se farán ás 13 e ás 17h e os máis cativos contan coa opción do Xogo de Pistas “O legado de Francisca, unha viaxe polo pazo”, unha forma divertida e educativa de descubrir os segredos das Torres.

Xogos e historia

En maio recupérase unha actividade de moita tradición nas Torres do Allo. Referímonos á “Xornada do Xogo Tradicional” que se celebrará o sábado 31 pola mañá, nos exteriores do pazo, da man da Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular.

En xuño inaugurarase unha nova exposición temporal titulada “Riobóo, a saga do Allo”, dedicada á familia que edificou a primeira torre do pazo a finais do século XV e que foi propietaria do inmoble durante cinco séculos ata a súa compra pola Deputación da Coruña no ano 1998. Grazas aos Riobóo o pazo e couto do Allo converteuse nun dos pazos máis relevantes da Costa da Morte e consolidouse como símbolo de poder da fidalguía na comarca.+

Obradoiros Infantís

Ao longo do ano terán especial importancia as actividades orientadas a nenos e nenas entre as que destacan os obradoiros especiais temáticos. O primeiro deles terá lugar o 19 de abril para conmemorar o día mundial da Terra. Posteriormente, o 17 de maio farase un taller para celebrar o día das letras galegas, dedicado este ano á poesía popular oral; continuarase co tradicional obradoiro de San Xoán o 22 de xuño e rematarase o ano con dous talleres de nadal o 20 e 21 de decembro.

Un verán cheo

De cara ao verán, o pazo será tomado polos miúdos e miúdas durante as mañás no campamento “Zas no verán 2025” facendo xogos e actividades didácticas.

Na tempada estival a música seguirá sendo un dos principais atractivos das Torres cos Monifates, un dúo musical composto por Alberto Millán Betanzos e Xosé Piñeiro Pérez, que se caracteriza pola súa orixinal proposta, combinando música en directo con marionetas e elementos teatrais. Fundado en 2015, o grupo creou un espectáculo para todos os públicos, onde a música e o humor conviven nun ambiente festivo e participativo.

Durante os domingos de xullo e agosto, os Quinquilláns volverán a deleitar ao público coas populares visitas teatralizadas. A través das figuras do célebre naturalista galego Victor López Seoane e a súa dona, Francisca Riobóo, primeira herdeira muller das Torres, os visitantes descubrirán os segredos e a historia do pazo dunha maneira amena e entretida.

O popular Escape Room do Allo regresa con forza, cunha nova narrativa e retos deseñados para o público xuvenil e adulto. Este apaixonante xogo de escapismo estará dispoñible baixo reserva nos meses de xullo, agosto e setembro.

O 31 de agosto festexarase a tradicional Romaría de San Ramón que este ano cae en domingo e reforzará a oferta de actividades. Comezará co Mercado de Artesanía Tradicional pola mañá, continuará, na sesión vermú, coa actuación musical do grupo de música tradicional Unto Vello, formado por Bieito Pereira e Xabi Gómez, que fusionan as súas voces, acordeón e diversos instrumentos de percusión; despois farase unha comida campestre nas agras contiguas ao pazo das Torres e pola tarde haberá concerto e obradoiro sonoro para nenos e nenas da man Cé Orquestra Pantasma.

Xa en setembro, artesanía

En setembro, con data aínda por confirmar, terá lugar a IV edición da “Xornada sobre o Liño” na que se procurará mostrar e revalorizar todo o traballo que implica a creación dunha peza de liño artesanal que comprende desde a súa sementeira ata converterse nunha peza de vestir.

No outono, o Samaín tomará o Pazo das Torres do Allo o 26 de outubro. A programación especial para esta festividade incluirá un obradoiro para nenos e nenas, magosto, música tradicional e unha sesión de contos con Ángeles Goás titulada “Caldo con Unto e osos de defunto”.
 

Comentarios