Tres persoas investigadas polo roubo de 160 quilos de cables de cobre en Zas

A Garda Civil do Posto de Vimianzo investiga a 3 persoas como supostos autores dun delito de roubo con forza. Os feitos ocorreron por mor do aviso recibido a través do Centro Operativo Complexo da Comandancia da Coruña, tras recibir a chamada dun cidadán informando da presenza dunha furgoneta na localidade de Zas, cun comportamento sospeitoso.

Inmediatamente os efectivos actuantes desprazáronse ao lugar, tras localizar o mencionado vehículo, procederon á identificación dos seus ocupantes, indagando sobre o motivo da súa presenza nesa zona. Ante as incongruencias das súas explicacións, os axentes procederon ao rexistro da furgoneta, achando na parte traseira, oculto baixo un plástico de cor negra, unha importante cantidade de cable telefónico, distribuído en 3 rolos e diversas ferramentas, entre elas 2 cizallas.

Dada a imposibilidade de xustificar a procedencia e a titularidade do cable, a Garda Civil procedeu á investigación destas 3 persoas, 2 delas coñecidos das forzas de seguridade por ilícitos de roubo de cable telefónico, como presuntos autores dun delito de roubo con forza e á incautación dos efectos atopados.

Tras realizar as xestións oportunas, a Garda Civil comprobou que o cable achado pertencía a unha empresa dedicada ás instalacións de liñas telefónicas, procedendo a restituír os 160 quilos atopados ao seu lexítimo propietario