Un ano en clave coral en Baio

Importante foi o ano 2010 para a Coral Xan Mella de Baio. Así o repasaron os membros da Coral estes dúas, mentres facían balance do traballo desenvolvido pola coral no ano 2010.

Foron un total de vinte e unha actuacións (sete en Baio e catorce fora da vila labartiana) das que destacan as feitas en Madrid (misa na catedral da Almudena pola memoria do lembrado baiés Uxío Romero Pose e un memorable concerto no Centro Galego da capital do Estado nunha actuación que fixo a número cen), en Salceda de Caselas e Mos (Pontevedra) e a participación no XV Certame de Habaneras da Vila de Rianxo, ademais de ser seleccionados por quinto ano consecutivo para o Certame En Clave Coral (concerto celebrado no Carballiño, Ourense, organizado pola Federación Coral Galega e a Xunta de Galicia).

Foi ademais o ano no que a Coral, dirixida dende a súa fundación pola profesora Tatiana Pankrátova, gravou o seu segundo CD que leva por título “De entrañas da terra” con moi boa acollida por parte do público e da crítica, do que se levan vendidos máis de cincocentos exemplares por agora.

Xunta directiva

Na asemblea xeral anual que a AMC Pepe Valiña-Coral Xan Mella celebrará o vindeiro 25 de febreiro a xunta directiva, presidida por Antonio Díaz Amor, presentará a planificación do ano 2011.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Coral Xan Mella.