Zas aproba definitivamente a RPT

O Concello de Zas aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal municipal, un documento clave para a ordenación, planificación e racionalización dos recursos humanos da administración local.

A aprobación definitiva da RPT saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, o BNG, e as abstencións do PP e do PSOE. Durante o proceso de exposición pública presentáronse catro alegacións por parte de traballadores municipais: tres delas foron rexeitadas e unha foi estimada parcialmente.

A RPT é o resultado dun proceso de negociación sindical no que participou Comisiones Obreras, único sindicato que presentou propostas e que apoiou o documento final.

A aprobación deste instrumento supón a actualización e redefinición das funcións dos distintos postos de traballo, adecuándoos á realidade normativa, organizativa e funcional da entidade local, así como a creación de novos postos que permitirán reforzar e mellorar a prestación dos servizos públicos á veciñanza.

Ademais, a nova RPT inclúe unha actualización retributiva que supón un incremento salarial para o conxunto do persoal municipal. Segundo o acordo alcanzado, esta mellora terá efectos económicos con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.