A epopea dos humildes

O día 29 de febreiro do ano 1892 chega ao porto muradán unha lancha de nacionalidade portuguesa medio desarborada e con grandes danos no seu casco. A bordo dela cinco tripulantes exhaustos, medio mortos de frío e fame.

Pódense adiviñar nas súas facianas os traballos e as penalidades pasadas por estes cinco homes de mar lusos e a mágoa por haber asistido impotentes á morte de varios dos seus veciños e compañeiros que non foron capaces de sobrevivir ao rexo temporal.

Este é o relato dos feitos que trouxeron até o peirao de Muros a aqueles malpocados mariñeiros.

--------------------------------

A traxedia do 27 de febreiro do ano de 1892,tinxiu de loito as 12 freguesías da localidade lusa de póvoa de Varzim e os seus veciños.
Non houbo lar no que o loito non se fixese presente.

O Temporal sorprendeu as lanchas no mar da Cartola, ao suroeste de Aveiro.

Dúas lanchas, a do tío Praga e a do tío Jéque, non podendo capear o temporal, arriáronse a son de mar e vento en popa con moi pouco trapo da súa vela latina. Ámbolos mestres eran compañeiros e amigos.

O par unha da outra derivando cada vez mais o norte, pouco podían facer os patróns mais que procurar que as lanchas non se atravesasen ao mar, cousa cada vez mais difícil, pois o vento arrepiaba a cada paso.

Sen un minuto de descanso, os compañeiros esforzábanse en achica-la auga que as enormes vagas teimaban envorcar a bordo das naves.

A lancha do mestre Jéque á altura de Esposende, énchese de auga e naufraga, a outra trata de acudila, pero non pode, é o mestre da que naufraga grita:

- “Nao tentes o socorro, compadre, que morreis todos. Deus te guíe e leve a salvamento! Leva o ultimo adeus para as nossas mulheres e os nossos filhos! Até á eternidade, compadre!”.

O vello mestre Joao Praga levantou a man nun xesto de despedida, pero nada respondeu. Mais todos os compañeiros puideron ver como as bagoas esvaraban polas súas fazulas, pero ninguén ouviu saír da súa gorxa nin unha sola palabra. Sostivo o leme ben firme, dous días e dúas noites ata a alborada do seguinte día na que entraron sans e salvos coa súa lancha na ría de Muros.

Dous días despois, atoados por un remolcador español en convoi xunto con outras lanchas que conseguiron gorecerse en outras rías galegas, chegaba á Póvoa o Mestre Praga coa súa tripulación. Logo da traxedia non volveu a comer e nunca mais falou, oito días despois da súa chegada, morría. O gran dor producido pola perda dos seus compañeiros e a impotencia de non haber podido socorrelos, matouno!.

A Cara máis íntima do naufraxio

Máis información

Novas relacionadas

Artigos relacionados