Martes. 10.12.2019
El tiempo

Laxe celebrou o seu tradicional simulacro de naufraxio

Laxe celebrou o seu tradicional simulacro de naufraxio
Un ano máis a vila de Laxe acolleu, no marco das súas festas patronais, o simulacro de naufraxio e a procesión marítima. Foi na xornada deste martes, 17 de agosto de 2010. Esta representación desenvólvese cada ano dende 1962. Trátase dunha iniciativa de Avelino Lema Santos, mariñeiro de Laxe que sobreviviu a tres naufraxios. A xornada comezaba a mediodía, con celebracións relixiosas nunha ateigada igrexa de Santa María da Atalaia. Acto seguido procedeuse á procesión na honra á Virxe do Carme polas rúas da vila. Unha vez percorrido o casco urbán, a procesión dirixiuse ao muelle de Laxe, onde centenares de persoas xa ateigaban a zona na procura dun bo sitio para contemplar a representación do naufraxio. Como acontece ano tras ano, o guión foi o de sempre. Unha lancha repleta de mariñeiros cunha vía de auga pide auxilio e afunde. Un deles perde a vida e os seus compañeiros lévano ata terra, onde resucita aos pés da Virxe. Logo da milagre, a festa non se fixo esperar. Boa parte da flota pesqueira voltou saír en procesión pola ría de Corme e Laxe. Foi a embarcación de nome Xio a que levou á Virxe, aos náufragos, e a varios representantes da clase política. A música non faltou nesta procesión marítima, cunha banda de música noutro dos barcos. Unha vez no medio da ria, procedeuse a depositar unha coroa de flores na memoria dos mariñeiros falecidos no mar. Boa parte da clase política estivo representada nesta cita marítimo-relixiosa. Non quixo faltar a Conselleira do Mar, Rosa Quintana. Quintana estivo flanqueada en todo momento polo Patrón Maior da Confraría de Laxe, Jose Manuel Barcia (ámobolos dous na imaxe superior), e o candidato do Partido Popular de Laxe nas vindeiras eleccións municipais, Ambrosio Oróns. Non faltaron tampouco o alcalde laxense, o socialista Antón Carracedo, ou outros edís como María Vázquez Lavandeira.

Un par de sustos nas festas

Laxe pon así o punto final ás súas festas patronais, aínda que cun par de sustos. Unha persoa precipitouse ao mar no transcurso da procesión marítima, sen ningún tipo de dano. Por outra banda, na noite do luns 16 de agosto tivo lugar un incendio na zona dos postos de bazar. Logo dunha pelexa entre feirantes, as mercadorías dun dos vendedores resultaron queimadas (na foto superior), sen ter que lamentar danos persoais.

Fonte

Comentarios