Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Os 500 naufraxios da Costa da Morte

Os 500 naufraxios da Costa da Morte
Vimos esta semana como os Naufraxios da Costa da Morte foron os protagonistas dunha documental de Cuarto Milenio, o programa de Íker Jiménez de Cuatro TV. Pero é que a emisora estatal achegábase ata a Costa tralos estudios realizados dende o Centro de Estudio s Blas Espin, que preside Rafael Lema, un dos último corsarios da bisbarra. Queremos afondar neste estudio que nos enviaba o centro de estudios, para coñecer de preto os tesouros que se agochan baixo o noso mar, e que non sempre son descubertos.

Os 500 naufraxios da Costa da Morte

O centro Blas Espin de Camariñas ten documentados un total de 454 barcos cos seus nomes e historias naufragados nas augas da Costa da Morte desde o século XVI ata o ano 2.000. Deles, 168 son barcos caídos antes de 1.900 e, xa que logo, tesouros de valor histórico. Estes sinistros deixaron un total de 3.668 mortos ou desaparecidos na comarca. Estas cifras con todo son superiores xa que moitos barcos inscríbense con toda a súa tripulación perda pero non se anota un número de náufragos ao non ter constancia da cifra exacta. Na entidade apuntan que tan só recollen cifras concretas e realmente verificadas, contrastando censos e novos traballos de campo, que pensan expor en Semana Santa na zona.

Na costa galega

A esta lista débense apuntar 371 barcos perdidos no resto da costa galega, deles 225 anteriores ao ano 1900. No resto de Galicia morreron 2.759 náufragos. A diferenza de mortos entre a comarca e o resto de Galicia débese sobre todo aos 1.723 mariños perdidos pola Armada de Padilla en 1596 e aos 488 do HMS Captain. Así, a cifra total de barcos afundidos en toda Galicia é de 825, con 6.427 mortos ou desaparecidos. A estes datos non se unen as tripulacións de 35 submarinos alemáns desaparecidos, ou de datos confusos como as flotas perdidas polo rei Gontram en 585, os normandos en 844, o musulmán Muhamed I no século IX, ou nas batallas navais de Muros e Fisterra. Tamén hai constancia de restos de 15 galeras de época romana, dúas na comarca.

Grandes descubridores

O grupo destaca o labor de recompilación neste século de investigadores como Liño Pazos, Miguel San Claudio, Fernando Patricio, Juan Campos, as achegas das confrarías da zona, e as novas campañas levadas a cabo desde a Consellería de Cultura. Así, dos 148 barcos coñecidos nos anos 90 pásase a esta nova cifra, que segue aumentando, xa que non se anotan os barcos perdidos desde o ano 2000 ata hoxe.

Punto negro

Tránsito obrigado para as flotas desde fai séculos, a costa galega é un cemiterio de barcos e o punto fatídico é o anaco de mar que vemos ao norte e ao sur desde o alto do faro de cabo Vilán. Desde Roncudo a Fisterra. Estas cifras superan aos máis de 600 barcos documentados en Carolina do Norte. Aos traballos dos investigadores galegos debemos unir algunha campaña oficial ou tamén o meritorio estudo dalgúns afeccionados locais.

Centro de Interpretación dos Naufraxios

Así o pedían Fernando Patricio Cortizo e Suso Lista na última sesión de Conversas en Corme. A necesidade dun Centro de Interpretación dos Naufraxios na Costa da Morte (malia que o nome de "centro de interpretación" estea demasiado gastado) é imperiosa. Nunha das zonas máis ricas do mundo en pecios e tesouros submariños, seguimos se ter un centro de referencia onde podernos informar sobre a historia dos naufraxios.

Comentarios