Mobilizámonos

Mobilizámonos, polos nosos tres fillos; polo ensino rural; pola escola pública. Porque a palabra “escola” debe ir parella á palabra “educación”. Entre ambas existe unha brecha semántica cada vez máis grande no noso país. O desleixo chegou a tal punto, que o noso sistema escolar non pode garantir que tódolos estudantes aprendan en igualdade de oportunidades na escola.

Mobilizámonos porque nunha escola precarizada, sen suficientes recursos humanos, non se garante a aprendizaxe. Cada crianza que entra pola porta das nosas escolas, ha de aprender a ler, a escribir, a resolver problemas, a ser cidadán implicado na súa comunidade. Se as escolas rurais son desmanteladas, o seu alumnado estará irremediablemente mal equipado para as seguintes etapas educativas a e, a medio prazo, para o mundo do emprego formal.

Mobilizámonos porque o sistema educativo galego adoece dunha subfinanción crónica. A crise da educación rural é profunda e xeneralizada. A Consellería mide o sistema educativo en términos de orzamento, número de alumnos por aula ou de profesores por centro. Non en términos de necesidades educativas ou compensación de carencias e necesidades de partida.

Mobilizámonos porque o Dereito á Educación vertebrado na Constitución non significa soamente “escolarización universal”, senón tamén “Educación universal”, en condicións de gratuidade e igualdade. Nas actuais condicións, moitos alumnos e alumnas abandonarán a escola crendo que son uns fracasados, en especial o alumnado do medio rural, en especial o alumnado con necesidade específica de apoio.

Mobilizámonos porque o Dereito á Educación expresado na Declaración Universal dos Dereitos da Infancia é moito máis que o dereito a sentarse no pupitre dunha escola durante cinco horas ao día. É o dereito a aprender algo mentres un está alí sentado.

Mobilizámonos porque para que escolarización e educación vaian da man, hai que falar de dotación de profesorado e tamén das infraestruturas físicas dos centros educativos; das ratios das aulas; da dotación de recursos e especialidades para a atención á diversidade; da formación do profesorado; do sistema de acceso á función pública docente; das xornadas laborais do profesorado; da dotación e papel da tecnoloxía educativa...

Para que escolarización e educación sexan sinónimos e non antónimos, necesitamos escolas públicas e estas escolas precisan recursos e dotacións. Nas nosas escolas han de darse as condicións básicas para a aprendizaxe, aquelas que permitan ter alumnos presentes, motivados e e capaces de aprender. Isto esixe contar con profesorado suficiente, que exerza a súa profesión nunhas condicións que lle permitan estar presentes, motivados e capaces de instruír.

Máis novas

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco