Apaguemos as televisións
         14 de outubro de 2010 (16:34 h.)
      
    
              Asombrados quedamos todos este domingo. Sabiamos que o derbi  Sofán - San Lorenzo tiña tirón, pero as expectativas quedaron totalmente  desbordadas cunha masiva asistencia de xente ó campo do Carral. Unha  marea humana que dou sabor e cor a un partido que a todos nos fixo  sentir as sensacións que nos contan os nosos pais, familiares, amigos  maiores que foron antano futbolistas costeiros, e narran historias de  campos cheos, rivalidades veciñais, paixón polo xogo, conversas en bares  durante toda a semana. O fútbol de antes debía ser así, dixo alguén por  alí. Que triste que agora todo cambiara tanto, dixo outro vello  afeccionado. Parecía unha conversa que pasou da cor ó branco e negro,  unha mirada cara un pasado do que debíamos coller as cousas boas e  traelas ó noso tempo. Seríamos todos mais felices nos campos de fútbol.
O mesmo sucedeu o sábado na Porta Santa, tremendo  nome para un campo en ano Xacobeo. O Club do Mar – Camariñas foi  seguido por numerosísimo público, mentres que a poucos kilómetros de  distancia en Laracha apenas 40 espectadores presenciaban a goleada dos  laracheses ó Lemos. E de outros campos chéganme ecos da presenza de  taquillaxes moi apetecibles e ambiente de gala nas graderías. E os que  estamos nesto da liga da Costa sabemos que excepto en contados casos  excepcionais, a afluencia de público non acostuma a ser elevada, con  partidos que rozan o esperpento con 15 valentes pagando tíckets de  entrada ridículos de 3 €: o prezo de dous cafés no bar da esquina. E  pareime a pensar na causa deste fin de semana illado entre tantos  outros, e caín na cuestión: non había fútbol televisado!!!
Non  vou dar agora maltratar á chamada caixa tonta como única culpable dun  mal que ten outros moitos responsables, pero unha cousa é certa: dende que o fútbol de elite invadiu os bares o domingo á tardiña, a hostaleiros están encantados e os campos de fútbol baleiros.  Un Deportivo - Almería é seguido con interese ó lado de unha boa  cervexa, mentres que nun Vimianzo - O Pindo so acoden os fieis de todos  os domingos, e a moza de algún xogador que non o ve durante a semana e  este é o único momento de compartir algo con el.
Como en  tantos outros ámbitos da vida, o mundo globalizado da televisión,  internet e novas comunicacións estanos a desprender e desarraigar da  nosa realidade mais preta. Creamos heroes televisivos a partir  de ridículos personaxes, e sen embargo non sabemos ver a heroicidade do  noso veciño que se parte a alma para que os rapaces da vila practiquen  deporte, actividade na que coñecerán ós seus amigos mais próximos, e na  que serán felices a mais non poder os domingos de vitoria, e aprenderan a  levantar a cabeza ante as adversidades os domingos de derrotas. Pero  moitos preferimos permanecer no noso asento vendo como Juan Rodriguez,  melena ó vento, lle da ca punteira para a grada, ou como Morel pregunta  na banda se o balón é iso redondo que bota no céspede. Vamos, moito  mellor que ver a Llanero meter un dos seus golazos, a Miguel Torrado  sacar o balón xogado da defensa, ou a Roberto Pladur anotar tres  chicharros un día, e non contento co tema, marcar catro ó seguinte.  Estas últimas si que son fazañas de carne e osos comparadas coas de  plástico e ondas hercianas dos Cristiano, Messi e cia.
APAGADE AS  TELEVISIÓNS, VECIÑOS, e arrimádevos ós campos da Costa, e descubriredes  a outra verdade do fútbol, a do sacrificio, a da humildade, a de quen  non ten cartos para botas ou a de quen fai catorce horas de viaxe para  xogar co equipo do seu pobo, que algún caso deses coñecemos todos.
        
      
    
  - Manuel Varela ( manuelvarela@quepasanacosta.gal).
 
Crónicas de Manuel Varela
- Veteranos, novas promesas e un fin de ano.
 - O fútbol e a festa.
 - Xornada 1: Tres regresos e dous que seguen igual.