Apaguemos as televisións
16:34 14/10/10
Asombrados quedamos todos este domingo. Sabiamos que o derbi Sofán - San Lorenzo tiña tirón, pero as expectativas quedaron totalmente desbordadas cunha masiva asistencia de xente ó campo do Carral. Unha marea humana que dou sabor e cor a un partido que a todos nos fixo sentir as sensacións que nos contan os nosos pais, familiares, amigos maiores que foron antano futbolistas costeiros, e narran historias de campos cheos, rivalidades veciñais, paixón polo xogo, conversas en bares durante toda a semana. O fútbol de antes debía ser así, dixo alguén por alí. Que triste que agora todo cambiara tanto, dixo outro vello afeccionado. Parecía unha conversa que pasou da cor ó branco e negro, unha mirada cara un pasado do que debíamos coller as cousas boas e traelas ó noso tempo. Seríamos todos mais felices nos campos de fútbol.
O mesmo sucedeu o sábado na Porta Santa, tremendo nome para un campo en ano Xacobeo. O Club do Mar – Camariñas foi seguido por numerosísimo público, mentres que a poucos kilómetros de distancia en Laracha apenas 40 espectadores presenciaban a goleada dos laracheses ó Lemos. E de outros campos chéganme ecos da presenza de taquillaxes moi apetecibles e ambiente de gala nas graderías. E os que estamos nesto da liga da Costa sabemos que excepto en contados casos excepcionais, a afluencia de público non acostuma a ser elevada, con partidos que rozan o esperpento con 15 valentes pagando tíckets de entrada ridículos de 3 €: o prezo de dous cafés no bar da esquina. E pareime a pensar na causa deste fin de semana illado entre tantos outros, e caín na cuestión: non había fútbol televisado!!!
Non vou dar agora maltratar á chamada caixa tonta como única culpable dun mal que ten outros moitos responsables, pero unha cousa é certa: dende que o fútbol de elite invadiu os bares o domingo á tardiña, a hostaleiros están encantados e os campos de fútbol baleiros. Un Deportivo - Almería é seguido con interese ó lado de unha boa cervexa, mentres que nun Vimianzo - O Pindo so acoden os fieis de todos os domingos, e a moza de algún xogador que non o ve durante a semana e este é o único momento de compartir algo con el.
Como en tantos outros ámbitos da vida, o mundo globalizado da televisión, internet e novas comunicacións estanos a desprender e desarraigar da nosa realidade mais preta. Creamos heroes televisivos a partir de ridículos personaxes, e sen embargo non sabemos ver a heroicidade do noso veciño que se parte a alma para que os rapaces da vila practiquen deporte, actividade na que coñecerán ós seus amigos mais próximos, e na que serán felices a mais non poder os domingos de vitoria, e aprenderan a levantar a cabeza ante as adversidades os domingos de derrotas. Pero moitos preferimos permanecer no noso asento vendo como Juan Rodriguez, melena ó vento, lle da ca punteira para a grada, ou como Morel pregunta na banda se o balón é iso redondo que bota no céspede. Vamos, moito mellor que ver a Llanero meter un dos seus golazos, a Miguel Torrado sacar o balón xogado da defensa, ou a Roberto Pladur anotar tres chicharros un día, e non contento co tema, marcar catro ó seguinte. Estas últimas si que son fazañas de carne e osos comparadas coas de plástico e ondas hercianas dos Cristiano, Messi e cia.
APAGADE AS TELEVISIÓNS, VECIÑOS, e arrimádevos ós campos da Costa, e descubriredes a outra verdade do fútbol, a do sacrificio, a da humildade, a de quen non ten cartos para botas ou a de quen fai catorce horas de viaxe para xogar co equipo do seu pobo, que algún caso deses coñecemos todos.
- Manuel Varela ( manuelvarela@quepasanacosta.gal).