Caión será epicentro do programa radio escolar Ponte nas Ondas, recoñecido pola Unesco
Xa foi Vimianzo e a comarca de Soneira. Tamén Muros, e agora tócalle a Caión e a Bergantiños recibir un proxecto que a Unesco ten recoñecido como boas prácticas no ensino.
Falamos de Ponte nas Ondas, o proxecto da asociación cultural e pedagóxica homónima, que, desde 1995, desenvolve actividades educativas e culturais en Galicia e no norte de Portugal, promovendo a identidade cultural común e traballando na recuperación e difusión do patrimonio compartido. A radio escolar constitúe un dos seus piares fundamentais ao considerala unha ferramenta accesible e de grande potencial educativo tanto para o alumnado como para o profesorado.
Esta semana anunciouse como o novo proxecto vai chegar a Bergantiños. Caión vai acoller un programa coa o vindeiro 24 de abril coa participación de numerosos centros educativos da comarca, dalgúns outros puntos de Galicia e mesmo localidades do norte de Portugal como Porto, Moncao e Viana do Castelo.
En boa medida racias ao papel de intermediario do Centro de Formación e Recursos da Coruña -dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional-, moi comprometido coa dinamización e fomento da formación docente
O programa, previsto para o 24 de abril, emitirase en directo desde o propio Centro Sociocomunitario e poderá seguirse -ademais de presencialmente- tanto a través de YouTube como en formato podcast. Cada centro participante acudirá cun elemento cultural representativo da súa contorna co obxectivo de poñer en valor o patrimonio material e inmaterial de cada territorio e favorecer o intercambio cultural entre o alumnado.
Como complemento á actividade radiofónica, está previsto que o alumnado participante realice visitas a distintos puntos de interese cultural do termo municipal da Laracha, enriquecendo así a experiencia educativa e favorecendo o coñecemento do territorio.
O alcalde, José Manuel López Varela, destacou que “para o Concello da Laracha é un auténtico orgullo que Caión poida acoller unha iniciativa destas características que une educación, cultura e participación infantil, e que convertirá a nosa vila nun punto de encontro para a rapazada galega e portuguesa arredor do patrimonio e da comunicación”.