O Concello da Laracha expón ante a veciñanza o Plan Director para as Torres de Cillobre
Executa con dilixencia o Concello da Laracha en materia de patrimonio. Hai pouco máis dun ano que se facía coas Torres de Cillobre, e neste tempo xa conseguíu que fosen catalogadas como BIC e xa ten preparado do Plan Directo de recuperación para o reaproveitamento social e cultural deste enclave histórico. Unhas Torres que son o símbolo do escudo municipal do Concello e que permanecían esquecidas e abandonadas.
O Concello invita á cidadanía á presentación do Plan Director. Será nun acto público que se realizará o martes da próxima semana, día 10 de febreiro, a partir das 19:30 horas na Casa da Cultura da Laracha.
O Plan Director foi redactado pola empresa especializada Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, e a presentación será a cargo do seu responsable de proxectos, Leo González, quen explicará cal é a situación actual do recinto, que potencialidades presenta e cales son as actuacións previstas a curto, medio e longo prazo para poñelo en valor.
Un pouco de historia
As Torres de Cillobre, levantadas no século XIV e destruídas na revolta irmandiña do século XV, constitúen un dos símbolos históricos máis significativos da Laracha, ata o punto de figurar no escudo municipal. A través deste Plan Director o Concello dá un paso firme para recuperar os restos que se conservan —a vivenda da torre, parte do muro perimetral e o hórreo anexo— e transformar o recinto nun espazo de referencia cultural.
O documento establece unha estratexia global que combina investigación arqueolóxica, propostas de musealización, accións de divulgación e usos culturais e turísticos, sentando as bases para futuros proxectos tanxibles como a sinalización interpretativa, a organización de visitas guiadas ou a creación dun centro de interpretación. Todo isto cun triplo obxectivo: protexer o patrimonio, poñelo a disposición da cidadanía e facelo comprensible e útil para todos.