En marcha a redacción do Plan Director das Torres de Cillobre, a imaxe do seu escudo

O Concello da Laracha vén de dar un novo paso para poñer en valor o recinto no que se situaban as antigas Torres de Cillobre mediante a adxudicación da redacción do Plan Director á empresa Trivium Estratexias en Cultura e Turismo. Son 2.655 metros cadrados de superficie recentemente adquirida polo Concello, parcela na que só se conservan a vivenda da torre, parte do muro perimetral e o hórreo anexo.
As Torres de Cillobre, levantadas no século XIV, constitúen un dos elementos históricos máis significativos da Laracha, sendo un dos símbolos do Concello ao aparecer representadas no escudo municipal, o que pon de manifesto a súa relevancia en especial durante a época feudal na que pertenceron a familias nobres. A fortificación foi destruída na revolta irmandiña de mediados do século XV.
O Plan Director será a guía que oriente o aproveitamento cultural e turístico do recinto e dos restos que aínda se conservan da antiga fortaleza señorial. A ferramenta estrutúrase en dúas fases. Na parte analítica realizarase un estudo da situación actual, do estado de conservación, dos accesos e demais aspectos chave. E, a continuación, na parte programática definirase unha estratexia global con programas de investigación arqueolóxica, musealización e comunicación.
A partir deste documento será posible desenvolver proxectos tanxibles, como a sinalización do espazo con paneis interpretativos, a posta en marcha de visitas guiadas ou a creación dun centro de interpretación. Todo iso co obxectivo de que o recinto das antigas Torres de Cillobre se converta nun punto de referencia cultural dentro do xeodestino Costa da Morte.
Esta iniciativa súmase a outras actuacións impulsadas polo Concello nos últimos anos para protexer e divulgar o patrimonio municipal, como as desenvolvidas no Castro de Montes Claros ou no menhir de Erboedo.