O IES Agra Leborís da Laracha ten 90 alumns máis pero 6 docentes menos que hai 5 anos
Xa o ano pasado pedían máis profesores ante o aumento do alumnado, pero no canto de escoitar as súas demandas, a Consellería ten seguido recortando. Por iso, as familias e a ANPA do centro arrincaron coas mobilizacións este xoves e continuarán o luns cunha concentración diante do Concello ás 18:15h.
Unhas mobilizacións apoiadas polo centro, pois o profesorado, a través dun escrito asinado por máis do 90% do claustro, deu o sinal de alerta a comezos dos efectos neste curso do novo recorte de docentes e da pésima xestión da Consellaría neste centro educativo, único que imparte a ESO e o Bacharelato no concello da Laracha.
Denuncian que a política de recortes é continua. No curso 2019/20, o centro larachés tiña 450 alumnos matriculados e un total de 46 docentes (cifra xa inferior ao que se tiña en cursos previos). Seis anos despois, o alumnado chega a 540, o que implica un incremento do 20% de mozos e mozas nas aulas e o claustro reduciuse en 5 docentes, un recorte do 11% do persoal docente.
Este curso comezou co recorte de dous postos de traballo: un docente para impartir ESO e Bacharelato e outro da especialidade de PT. No caso da atención á diversidade a cuestión é grave: no curso 22(23 había dous docentes de PT, no 23/24 recortouse un posto, pasando a seren dous docentes a media xornada e neste curso cóntase, de feito, co equivalente a un mestre de PT a media xornada, ao ser o titular integrante do equipo directivo. Hai no IES agora mesmo máis de 100 casos de alumnado con NEAE (máis do 20% do total do alumnado).
Así, están sufrindo a masificación das aulas da ESO e do Bacharelato, impedindo a atención individualizada do alumnado, sobrecarga de traballo lectivo para o profesorado e unha dimensión das aulas que incumpre a normativa de requisitos mínimos cos que debe contar un centro de secundaria.
Denuncian dende a CIG, que apoia estas mobilizacións, que “inspección educativa negou a posibilidade de ofertar un grupo de diversificación curricular de 3º ESO para o alumnado con máis dificultades. Ao tempo, a eliminación dunha posto de traballo implica que haxa 10 alumnos e alumnas que non poden continuar en 2º de Bacharelato cos seus estudos de Latín, Grego e Física, obrigando este alumnado a cursar as materias a distancia, permanecendo até 8 horas no centro sen profesorado para atendelo, de novo pola negativa de todos os cargos e responsábeis á hora de tomar esta decisión: o inspector do centro, o xefe de inspección provincial e o subdirector xeral de centros e recursos humanos, todos e cada un deles coñecedores da situación do centro a través do propio profesorado e da CIG-Ensino”.