Sábado. 12.10.2024
El tiempo

O alumnado do Pindo volve ás aulas despois 7 días de folga e tras conseguir varias melloras

  • Pero as familias seguirán loitando pola necesaria Coidadora
Os nenos do Pindo volven ao cole
O alumnado do Pindo volvia hoxe así ao centro
O alumnado do Pindo volve ás aulas despois 7 días de folga e tras conseguir varias melloras

Despois de 7 días lectivos consecutivos de folga sen asistir ás aulas o alumnado do CEIP O Pindo volve ao centro. Nunca ata o de agora viramos en Galicia unha medida de presión contra os recortes tan potente como a protagonizada polas familias carnotás, que fixeron malabares para poder conciliar,que aparcaron as súas ideoloxías e fixeron fronte común. Polo de pronto, xa conseguiron que Inspección Educativa ofrecese dúas melloras para dotar ao centro de recursos para tratar as Necesidades Educativas Específicas: aumento de horas de especialistas de PT e AL. Aínda queda conseguir a Coidadora que un neno ten asignada e que a Xunta non manda, pero dende a ANPA non deixarán de loitar, destacando que durante estes 13 días de loita aprenderon moitas cousas

"Aprendemos que temos dereitos, que cando non están garantidos hai que reclamalos e que cando se fai en equipo é un camiño máis doado", explican dende a ANPA, que agradecen o apoio da cidadanía e dos medios que non calamos. "Nunha sociedade moi condicionada polos medios, atoparnos con periodistas que exercen a súa profesión con rigor e dignidade, tamén foi aire fresco nesta cruzada, grazas a eles e elas tamén", apuntan.

Os nenxs non son números

As familias lóubanse de "gañar unha batalla", chamando "a atención dos que nos xestionan máis arriba e facerlles entender que cando a cidadania desperta é fundamental oila e darlles solucións. Modestamente, pensamos que a administración tamén aprendeu disto, e agardamos que sirva para avanzar cara un modelo onde o que contan son as persoas e non só os números; porque conta unha directora que leva 15 anos sostendo un cargo e un proxecto, a que deberian apoiar con máis recursos e previsión, porque conta un equipo docente que de forma contundente mostrou as súas demandas (que son as de todos/as), porque conta a veciñanza que sinte seu o cole, porque conta o apoio dos líderes locais que se implican coa súa xente..."

NEE

A ANPA quere "resaltar a importancia de facer visibles aos que máis o necesitan, as familias que batallan porque se atendan as necesidades educativas especiais dos seus fillos e fillas, porque eles loitan por isto a diario, con máis sombras que luces na maioría dos casos... E que importante ter a sensibilidade para acompañalas e garantir os apoios que por dereito lles tocan. Non deixaremos só a ningún neno ou nena, por iso, seguiremos insistindo na demanda dunha coidadora estable para o alumno do noso centro. E aproveitamos para agradecer e admirar públicamente a estas familias que se organizan e loitan xuntas para conseguir este apoio polos seus fillos e polos dos demais".

50 anos

Dase a circunstancia que este curso, o cole pindexo cumpre 50 anos, e as familias queren lembrar a todas as que pasaron por aí, tendo en conta que moitos dos pais e nais son ex-alumnado do centro. "Foi a nosa escola e queremos que sexa a dos nosos fillos e fillas". "O CEIP O Pindo EXISTE e RESISTE, porque apostamos por unha educación humanizada, porque vivir no rural é un acto de valentía en moitos casos, e os coles do rural non deben estar masificados, senón ser modelo de aprendizaxe vivo, onde se atende ó benestar das persoas (mestres/as, alumnado e persoal non docente) e onde a diversidade é un valor que hai que coidar e atender", sentenzan.

Artigo relacionado

A historia da loita das familias do PINDO

Comentarios