As crianzas da Unitaria de Camelle levan 6 anos sen un mestre especialista en música
As Escolas Unitarias deberían ser apoiadas como insigna educativa nun país tan disperso como o noso. Estes centros educativos que se espallan polas zonas rurais con 10, 20 crianzas, nas que se coidan unhas ás outras, cunha atención moito máis personalizada e humana por parte do profesorado, e cunha conexión coa terra continua, son a envexa das familias urbanas.
Pero no canto de coidalas e poñelas en valor, a política educativa da Xunta quere suprimila, librarse delas.
Así o comprobamos ano tras ano tralo peche de escolas que non cumpren os mínimos, como acontece este curso coas de Torrelaxóns en Laxe e Carnés en Vimianzo. Certo que a caída poboacional é unha realidade dificilmente combatible. Certo que a falta de profesionais oriúndos destas zonas complica o envío de profesorado. Pero ten que haber maneiras de combatilo, con incentivos para os profesionais por desprazarse a unha zona rural, ou campañas de visibilización destes singulares centros escolares.
O caso do CEIP de Camelle, que funciona como Escola Unitaria trala fusión de grupos no curso 18/19 (só hai dúas aulas, unha cos 3 grupos de Infantil e outra con 1º e 2º de Primaria, para un total de 16-17 nenxs), é un caso paradigmático. Xa en 2021 chegaron a ter problemas para abrir as súas portas os primeiros días de cole pola falta de profesorado. Pero é que o centro leva 6 cursos, dende a reagrupación, sen recibir unha soa hora de música por un mestre especialista.
Estes cursos é o seu director, e titor de Primaria, o que imparte música e plástica unificadas, a pesar de que en Primaria, Música é unha especialidade tan obrigatoria como inglés ou matemáticas, aínda que teña menos horas.
A Xunta ten claro a súa política de “nenxs=números” e e xa lle ten respondido á comunidade educativa que “por ratio de alumnos non vos corresponde ningún especialista”, a pesar de que a ratio non ten que nada ver para que eses nenos teñan educación obrigatoria.
Así e todo, as familias nin se poden queixar demasiado, pois tras moito batallar conseguiron un mestre especialista en Educación Física, que se une aos especialistas de matemáticas e de relixión que nunca faltaron. A promesa feita o curso pasado polo Inspector Xefe aos representantes da CIG de traer tamén o de música non se cumpriu.
Non se entende pois como non se cubre a praza cunha itinerancia de especialidade, un mestre que vaia a varios centros a impartir música, pero é que o desmantelamento das Escolas Unitarias faise tomando medidas coma esta.