Laracha desenvolverá un programa de Atención Temperá

Polo sur da comarca 10 concellos comparten Servizo de Atención Temperá. Polo norte concellos como A Laracha teñen que buscar solucións para esta necesidade. E por agora atopounas gracias ao apoio da Consellería de Política Social, que outorga unha axuda de 39.000 para o Servizo de Atención Temperá municipal.

O Concello da Laracha é un dos beneficiarios desta liña de axudas, grazas ás que disporá dun logopeda, un psicopedagogo e un mestre de educación especial.

Cómpre lembrar que a atención temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social.

Nos servizos de atención temperá que se prestarán no Concello da Laracha ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais dos nenos. A clave é poder detectar esas dificultades o ante posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo do cativo.

En todo caso, a derivación ao servizo de atención temperá corresponde ao pediatra de referencia do neno, ao que debe acudir a familia se sospeita que pode presentar un trastorno do desenvolvemento.

Novas relacionadas