Vilaño presenta o seu potente Atardecer no Castro

xente bonita do Adro de Vilaño xa ten lista a súa actividade estrella do verán. Unha cita que pretenden converter en algo potente, algo que trascenda. A viva aldea da Laracha converterase o vindeiro domingo 26 de xullo nun punto de encontro para grandes e pequenos coa celebración do “Atardecer no Castro”, unha proposta que convida á veciñanza e ás persoas visitantes a mergullarse na historia do Castro de Montes Claros e a vivir unha xornada inspirada nunha celebración da idade de ferro. 

“A proposta nace coa intención de imaxinar, por un día, como puido ser unha festa no Castro de Montes Claros hai dous mil anos”, sinala Alex Rama, desde Adro de Vilaño. “Queremos que a xente se mergulle nesa atmosfera castrexa, polo que convidamos aos asistentes a que veñan caracterizados”.  

Dende a organización destacan que o “Atardecer no Castro” nace coa vontade de crear unha experiencia diferente arredor das festas de Vilaño, conectando cultura, patrimonio e comunidade nun espazo singular como o Castro de Montes Claros.

A partir das 17.00 horas haberá xogos tradicionais para todas as idades da man de Xogando Miudiño, e pouco despois do comezo, sumarase a Charanga Tradicional Os Máquinas para ambientar a xornada. Ás 19.00 será a quenda de K´Paparota Teatro, que xunto con Puri Soto, arqueóloga e directora das escavacións, farán unha visita teatralizada polos recunchos máis especiais do Castro.
Desde as 20.00 estará dispoñible na Taberna Castrexa unha cea creada especificamente para o evento con produtos da zona cociñados ao lume. Tamén ás 20.00 comezarán os concertos a cargo de Irma Macías e Luis Pinto, a vilañesa Daniela Montes, concursante de La Voz Kids, e a actuación de Sés

Ao mesmo tempo, insisten na importancia de coidar o lugar no que se desenvolverá a actividade. A prioridade é deixar o Castro exactamente como se estaba, baixo o compromiso de cero lixo, garantindo así a protección dun espazo de gran valor histórico e simbólico para a parroquia.