luns. 27.04.2026
El tiempo

A viva Aldea Cultural do Adro de Vilaño valora o impacto do seu primeiro mes de actividades continuas

 

Obradoiro de escrita creativa no Adro de Vilano
Obradoiro de escrita creativa no Adro de Vilaño
A viva Aldea Cultural do Adro de Vilaño valora o impacto do seu primeiro mes de actividades continuas

Con satisfacción fai balance a xente da A.C. Adro de Vilaño do primeiro mes do seu programa da "Aldea Cultural". Un programa cheo de actividades para dinamizar a vida cultural, social e comunitaria no rural, que pechou o seu primeiro mes de actividade cun total de 120 participantes de todas as idades, chegados de6seis parroquias larachesas e de 7 concellos, principalmente A Laracha, Arteixo, Carballo, Oleiros e A Coruña.

Desde a directiva da asociación fan unha valoración moi positiva deste arranque, especialmente por tratarse da primeira vez que se pon en marcha unha programación destas características. “Lanzamos Aldea Cultural por primeira vez e a resposta foi moi boa. A participación destas primeiras semanas confirma que existe interese por este tipo de propostas e que a xente quere espazos nos que compartir, aprender e facer comunidade”, sinalan desde Adro de Vilaño.

Durante o mes de abril, a programación destacou pola súa diversidade e pola capacidade de atraer públicos moi diferentes. Máis do 60% das persoas participantes foron mulleres, e máis do 40% foron menores de idade, o que confirma o especial peso das actividades dirixidas á infancia e ás familias, como os contacontos, o teatro e os obradoiros sensoriais. Ademáis, as actividades do ciclo FOLGOS: Exprésate e Conecta, dirixidas a público adulto, tamén tiveron unha moi boa acollida, reforzando a aposta de Aldea Cultural por ofrecer propostas para todas as etapas da vida.

Actividades infantis en Adro de Vilano Laracha

Aldea Cultural naceu co obxectivo de ofrecer unha programación variada de actividades culturais, educativas e divulgativas dirixida a persoas de todas as idades. A través desta proposta, Adro de Vilaño busca consolidar un espazo de encontro no rural, aberto, participativo e pensado para fortalecer relacións, achegar a cultura ás persoas e mellorar a calidade de vida a través de experiencias compartidas.

Conversa Aldea Cultural de Adro de Vilano

Obradoiros que continúan

Desde a asociación lembran que a programación continúa durante os meses de maio e xuño, polo que aínda quedan dous meses de actividades por diante. Aínda que algunhas propostas xa contan con alta demanda e quedan poucas prazas dispoñibles, e entidade anima ás persoas interesadas a inscribirse canto antes. Entre as próximas actividades destacan especialmente o Obradoiro de Cerámica con Risco Estudio e o ciclo de obradoiros de Gravado en Relieve coa artista multidisciplinar Iria do  Castelo, dúas propostas pensadas para crear, experimentar e compartir aprendizaxes en comunidade.

As persoas interesadas poden consultar toda a programación e realizar as inscricións en: adrodevilano.com/actividades ou en adro@adrodevilano.com.

 

Comentarios