martes. 07.04.2026
El tiempo

A xente bonita que cambia a vida da aldea facendo comunidade no Adro de Vilaño

Familia da AC Adro de Vilano
Parte da directiva da AC Adro de Vilaño
A xente bonita que cambia a vida da aldea facendo comunidade no Adro de Vilaño

Hai momentos claves na historia das nosas aldeas e que o vive Adro de Vilaño pode ser un deses. Un grupo de xente bonita asumiu dende hai pouco menos dun ano, a directiva da Asociación Cultural, e están conseguindo cambiar, a vida no rural.

Porque a forza da xente, a acción cultural, a comunidade, pode cambiar as nosas vidas. E así o sente a xente da volta, que xa se está acostumando a achegarse ao fermoso local social, recuperado e cedido polo Concello, para facerse socio da entidade ou para apuntarse nos obradoiros e actividades do completísimo programa da nova “Aldea cultural” larachesa que complementa a axenda municipal máis típica.

Están moi ben os obradoiros de memoria do Concello, pero accións como o teatro en familia, os talleres de escritura creativa, ou os faladoiros danlle unha volta a esas posibilidades interxeracionas que ofrece un lugar cheo de vida e de riqueza como o Vilaño, como o demostra o seu vixía, o Castro de Montes Claros.

O vivo local social de Vilaño
O vivo local social de Vilaño

Son 7 persoas na directiva, un equipo envexable para calquera entidade, con miras altas, pois fíxanse en lugares en lugares tan asentados como o O Couto, ou como Castelo (xa traído a Touriñán á aldea, de feito), como exemplos a seguir.

 

Entre eles atopamos por exemplo a Diego Rama. Diego volveu a casa despois de moitos anos vivindo en Madrid, traballando para dúas multinacionais, pero cunha vida moi anónima. Un bo día decatouse que se se desmaiaba no medio da rúa, ninguén se ía preocupar por el e decidiu volver a casa e facer cousas na súa vila, a “facer comunidade a través da cultura”. Porque a entidade tamén son a Comisión de Festas, pero entenden que facer aldea non se fai só dende a verbena, senón tamén dende a acción sociocultural.

Na directiva tamén atopamos a Patricia Cameán, que despois de moitos anos de mestra na Coruña, decidiu. lanzarse ao mundo artístico (e de ser autónoma) co proxecto “·K’Paparota”, que ofrece, entre outras obras, a proposta de monicreques “Latexos – As lendas do Castro”, un espectáculo familiar que precisamente conta as lendas recollidas polo concello, e por ela mesma, nas casas da volta do castro larachés.

A entidade manterá viva algunha das actividades estrella como a Carreira do Apóstolo que xa ten data para este 2026, ademais do programa cultural tan intenso que formula para este trimestre.

AC Adro Vilano co seu programa Cultural

Máis novas

Comentarios