11 alcaldes da Costa da Morte asinan manifesto de apoio aos produtores de leite

Importante a xuntanza realizada onte no salón de plenos do Concello de Carballo. Representantes do Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Asaja convocaban a 11 alcaldesz da comarca para falar sobre a situación do sector lácteo, e para confirmar o seu compromiso para co sector gandeiro, un sector clave na nosa economía.

E o conseguiron, polo menos no papel. Os alcaldes presentes, de todas as cores políticas, (Carballo, Muxía, Laracha, Laxe, Cabana, Zas, Coristanco, Mazaricos, Dumbría, Malpica e Vimianzo) asinaron un manifesto de denuncia contra as imposicións das industrias aos produtores de leite en Galicia e no que se solicita que a administración, nomeadamente a Xunta de Galicia, pero tamén o Ministerio de Agricultura, poñan en marcha medidas para frear a situación do sector, que os sindicatos cualifican de "ruinosa", "desesperada" e "inxusta".

Entre as súas principais demandas está a de evitar a situación actual dos contratos, con prezos á baixa que poden chegar ata os 21 ou 22 céntimos e que, en verbas da secretaria do SLG, "son os máis baixos da Unión Europea". Tamén solicitan que se reforce o poder negociador das produtoras, que nestes momentos sofren "contratos leoninos baixo a ameaza de deixarlle o leite sen recoller", ou que se garanta a recollida en todas as granxas.

Así mesmo, piden medidas para que as granxas reduzan os custes de produción e melloren a súa renda e que se unifiquen criterios para o sector dende a administración.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).