As emocións brillan no 25 aniversario de Íntegro

Distintas autoridades participaron no acto do 25 aniversario da asociación Íntegro que tivo lugar onte en Cabana de Bergantiños Que unha asociación se manteña viva durante 25 anos é máis que motivo de celebración. E hoxe foi o turno de Íntegro, unha entidade adicada a dedicada a atender ás persoas con diversidade funcional e ás súas familias. O acto de homenaxe celebrouse onte no auditorio de Cabana de Bergantiños e nel participaron o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, o alcalde de Cabana, José Muíño, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, usarios e socios de Íntegro así como outras autoridades da zona. Na súa intervención, Rey Varela defendeu a igualdade fronte a discriminación, e puxo en valor as achegas á sociedade das persoas con diversidade funcional. “Non debemos falar de minusválidos nin de discapacitados, senón de persoas con capacidades ou funcionalidades diferentes que teñen moito que dicir e que aportar”, sinalou. Asemade, o conselleiro fixo fincapé na importancia de afondar na colaboración coas entidades que actúan no campo da diversidade, xa que “realizan un papel fundamental para favorecer o normal desenvolvemento das persoas e, ao mesmo tempo, apoiar e asesorar ás súas familias”. Ao respecto, avogou por “seguir sumando esforzos en erradicar as barreiras e dificultades que na actualidade aínda teñen estas persoas, máis aínda cando viven en contornos rurais onde o acceso a determinados servizos é máis dificultoso que nas cidades”. A asociación Íntegro, constituíuse no ano 1992 para prover a independencia, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional na sociedade. O seu ámbito de actuación son as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, e conta cun centro de día e un centro ocupacional de 30 e 15 prazas respectivamente. Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Xunta de Galicia