En Cabana, mentres os maiores van de excursión, os novos aprenden as coidalos

Doble cita cos Servizos Sociais estas semanas en Cabana.

Curso sociosanitario

Todo un éxito de participación no curso de servizos sociosanitarios que organiza o departamento de Servizos Sociais. A participación no curso de servizos sociosanitarios que comezou esta semana o departamento de Servizos Sociais do Concello de Cabana de Bergantiños foi todo un éxito dado que a matrícula quedou totalmente cuberta.

O alumando asistente, que está conformado por persoas que coidan a familiares en situación de dependencia, acudirán a unhas sesións de formación de 21 horas lectivas as cales serán impartidas por docentes da empresa Servisol Servicios Sociosanitarios. As clases teñen lugar na Casa da Cultura os días 10, 12, 19, 24, 26 e 31 de maio e 2 de xuño en horario de 16:30 a 19:30 horas.

O obxectivo xeral da formación é facilitar coñecementos básicos ás persoas coidadoras para mellorar os coidados sociosanitarios das persoas en situación de dependencia. O curso está subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar.

Os maiores cabaneses ás Rías Baixas

Ó longo de todo o xoves 12 de maio, 103 maiores do concello de Cabana de Bergantiños, acompañados do edil Carlos Allo, da voluntaria Vicky Ordóñez e da traballadora do departamento de servizos sociais, Cristina Morandeira, realizaron unha xornada de lecer por varias localidades das Rías Baixas.

A xornada comezou ás oito da mañá cando partiron en autobús desde a Praza do Concello para se dirixir ás localidades de Combarro e Cambados. Grazas ó magnífico día que os acompañou, puideron visitar os hórreos a carón da ría na primeira localidade e degustar produtos da ría como mexilllóns así como dar unha volta en catamarán arredor dos polígonos de bateas da ría de Arousa. Antes de partir para Cabana fixeron unha parada obrigada na illa da Toxa. A xornada concluiu en terras cabanesas ás 10 da noite.

Próxima excursión

Como son moitas as gañas de seguir coñecendo os valores turísticos de Galicia, nestes momentos os excursionistas cabaneses xa están pensando en acudir á Xuntanza de Maiores que todos os anos organiza a Xunta de Galicia no concello ourensán do Carballiño. A cita está próxima no calendario dado que será o vindeiro sábado 11 de xuño.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Departamento de Servizos Sociais de Cabana.