A Tarde do Medievo de Rioboo celebra o 15 aniversario

Imaxe do ano pasado
O sábado, 3 de agosto, regresará a emblemática celebración de Riobó, nunha edición na que as vodas medievais, a música e a tradición destacarán no programa.

A veciñnaza de Rioboo, a alma desta singular festa, está a ultimar os preparativos para a décimo quinta edición da Tarde Noite no Medievo.

A cita dará comezo ás 17:00 horas coa xa célebre andaina ata a Torre da Penela, que nesta ocasión realizarase co acompañamento musical de Os Repichocos. 

Paralelamente, o público que o desexe poderá gozar doutras actividades coma xogos tradicionais, paseos a cabalo, desgustacións e exposicións de artesanía, así como da presenza dunha meiga, interpretada por Raquel Crespo.

A música acompañará a xornada con diversos espectáculos de baile e de agrupacións musicais. Ás 18:00 horas actuará o Grupo de Danza Tradicional Inllar, seguido ás 19:00 horas, polos intérpretes de Son de Cabana, As Cantareiras de Riobó e As Cantareiras de Anos.

Yago Espasandín Lista lerá o pregón das festas ás 20:00 horas, antes de dar comezo ás tradicionais prevodas. O Son do Castro será a agrupación encargada de musicar o escenario nupcial.

O oficio é un dos trazos máis característicos da festa cabanesa, así como un dos maiores reclamos entre os veciños e veciñas.

Ás 21:00 horas terá lugar  'A Pitanza do Santo', con pan e queixo, sendo este o menú tradicional da Romaría de San Brais do Folgoso.

Ademais, tamén desde as 21:00 e ata o final da celebración medieval, a música continuará deleitando aos asistentes, a cargo das bandas locais de Son do Castro, Os Farrapos e Os Enxebres de Cabana e A Banda da Balbina coma prato forte. Os Festicultores porán o broche final á xornada na verbena nocturna.