6 centros de ensino riman na Liga Escolar de Regueifa da Costa da Morte Norte
Que marabillar ver como enraiza a semente da regueifa reposta nos últimos anos por Bergantiños. A creación da Liga Escolar de Regueifa da Costa da Morte Norte (Soneira-Bergantiños) é unha nova magnífica para manter viva esta singular e valiosísima expresión da tradición oral.
A Liga Escolar de Regueifa Costa da morte lanza neste 2026 a súa segunda edición vogando a dúas mans co II Encontro Bergantiñán. Organizada polos institutos de ensino secundario IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto), IES Isidro Parga Pondal e IES Alfredo Brañas (Carballo), coa colaboración dos concellos de Camariñas e Vimianzo a esperada xuntanza contará, ademais, coa participación dos centros de secundaria de Ponteceso (CEIP Eduardo Pondal), Malpica (CEIP Urbano Lugrís) e mais Cabana de Bergantiños (CPI As Revoltas).
Nunha primeira convocatoria (“xornada de ida” do 28 de xaneiro) 120 mozos e mozas reuniranse na Ponte do Porto para participar en xogos de regueifa, desafíos orais por equipos, mostra de baile e música e un obradoiro de baile acompañado por pandeireta e canto. Alén disto, reporán forzas cun almorzo regueifeiro no cal colabora tamén o coñecido obradoiro artesán vimiancés panIgnacio.
Da xornada de ida seleccionaranse tres finalistas regueifeiros por centro para a xornada de volta, que será na primeira semana de Maio nun dos centros de Bergantiños. Neste segundo encontro, o baile e o canto tradicional serán os grandes protagonistas.