A mocidade carballesa segue “enregueifándose” cos obradoiros de Lupe Blanco e Josiño da Teixeira

Fantástica a aposta pola recuperación xeracional da regueifa que está a facer o Concello de Carballo. A Escola da Regueifa, que este venres 24 celebrará unha nova sesión aberta coa colaboración da asociación cultural Nemeth (Espazo Xove da rúa Valle-Inclán, á 19.00 horas), é dos alicerces deste impulso, pero o Concello tamén se implica no proxecto Enreguéifate, impulsado xunto con outros concellos como os de Ames, Pontevedra, Santiago e Teo.
O proxecto permite levar levar a regueifa ás escolas. O xoves 16 arrincaron os obradoiros de improvisación oral nos centros escolares, unha iniciativa na que participan os CEIP A Cristina, Canosa-Rus, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e Bergantiños, e os IES Monte Neme e Parga Pondal. Ademais, os CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas tamén irán na quenda de xaneiro.
O alumnado recibirá unha serie de obradoiros, impartidos por Lupe Blanco e Josiño da Teixeira, para trabalar de maneira práctica e dinámica a improvisación oral e a técnica da regueifa desde os valores da igualdade e a diversidade.
Enreguéifate
Con estas actividades tamén o Concello trata de impulsar a participación no certame enregueifate.gal, que celebrará a súa sétima edición no 2024. O prazo de inscrición estará aberto desde o 12 de xaneiro ata o 1 de marzo.