O magnetismo da regueifa enregueifa á rapazada de carballo

Este ano o lema do Enreguéifate, é puro magnetismo! E así o están a comprobar os alumnos e alumnas dos centros de ensino de Carballo. O CEIP Bergantiños acollía o pasado venres a última sesión da primeira quenda de obradoiros do proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística de Carballo, Ames, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.
A formación para escolares é unha das accións principais do proxecto Enreguéifate, que tamén celebrou xa en Carballo un obradoiro para docentes o pasado mes de outubro. Accións, todas elas, destinadas tamén a promover a participación do alumnado e profesorado no certame de regueifas en vídeo.
Durante o mes de novembro participaron nesta iniciativa os CEIP de Nétoma-Razo, A Cristina e Bergantiños e os IES Isidro Parga Pondal e Monte Neme, centros aos que se sumarán outros nunha segunda rolda de accións formativas no mes de xaneiro.
Da man de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, os obradoiros procuran poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica e difundila entre a infancia e a mocidade.
Concurso
O prazo de participación no Enreguéifate estará aberto do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025 e a inscrición poderá facerse dende a páxina web do certame (www.enregueifate.gal), onde xa están dispoñibles as bases.
Co lema Enreguéifate, puro magnetismo!, esta edición volverá contar con dúas categorías: xeral e escolar.
Como novidade, este ano amplíanse de seis a oito os premios por cada unha delas. Así, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira.
Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.