A regueifa segue invadindo as aulas

A regueifa segue recuperando o alento en Bergantiños gracias a aposta municipal do concello de Carballo, que ten en marcha varias iniciativas que coliden ademais coa dedicatoria do Día das Letras Galegas ás cantareiras e a poesía popular.
Concurso Enreguéifate
Por unha banda, o Concello de Carballo continúa a apostar por estender o poder magnético da regueifa entre a rapazada a través dos obradoiros de improvisación oral do Enreguéifate. Durante o mes de novembro participaron nesta iniciativa os CEIP de Nétoma-Razo, A Cristina e Bergantiños e os IES Isidro Parga Pondal e Monte Neme, e hoxe arrincou a segunda rolda no IES Alfredo Brañas, ao que se sumarán os colexios Canosa-Rus (mañá martes), Gándara-Sofán (mércores), San Luis Romero (xoves) e Fogar (luns 20). Da man de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, os obradoiros procuran poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica e difundila entre a infancia e a mocidade.
Por certo que o prazo de participación no Enreguéifate estará aberto do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025 e a inscrición poderá facerse dende a páxina web do certame (www.enregueifate.gal), onde xa están dispoñibles as bases.
Escola de Regueifa
O Concello de Carballo impulsa tamén a Escola de Regueifa, que celebrou o venres a primeira sesión deste ano. As Escolas do Xardín Agra de Caldas, convertidas en sede do grupo coordinado pola Concellaría de Normalización Lingüística, encheuse de rimas e música para seguir espallando a arte regueifeira desde a infancia ata a terceira idade.. As persoas que queiran sumarse non teñen máis que achegarse a unha das sesións, que imparte Lupe Blanco, e probar. Celébranse os venres, cada 15 días, a partir das 19.00 horas.