Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025

Belém Tajes tocando na gala final dos Premios Narf

Belém Tajes é a flamante gañadora do XVII Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. Así se decidiu na Gala celebrada esta noite no Salón Teatro de Santiago, no que a camariñá se impuxo á cantante e compositora da Serra de Outes, Marián, e a Vimbio, o proxecto de Ponteareas do ex de SonDaRúa Alex Arnoso.

O dictame do xurado, que valorou o risco á hora de facer ponte entre a música galega e latinoamericana, ademais dos arranxos, encumbrou ao grupo Belém Tajes.

A camariñá, foi parte de bandas como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica. O xurado salientou dela “as letras moi coidadas e unha aposta singular e con personalidade na instrumentación”.

Belem Tajes co Premio Narf

A Gala

Alén das actuacións a concurso tamén participou como banda convidada o dúo Caamaño&Ameixeiras nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo e no que tamén participou o artista visual Iván Torres.

A gala acolleu as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (formado por Daniel Salgado, Ugia Pedreira, Alberto Busto, Noa Díaz e Tomi Legido) decidiu o gañador, que leva 4.000 euros, alén de varias actuacións en festivais galegos; o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes puideron disfrutar da actuación de Caamaño&Ameixeiras.

O Concurso Fran Pérez “Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Máis novas de Belém