O Faro Vilán mergúllase nos mapas marítimos de François Jeune

Este sábado 20 de setembro, ás 17:00 horas, o Faro Vilán de Camariñas acollerá a inauguración da exposición "DÈFERLANTES UNFURLED" do artista francés François Jeune (Lión, 1953). O propio artista estará presente no evento, compartindo co público as claves da súa obra, traídas directamente dos seus estudos no lendario Bateau-Lavoir de París e no Hézo, ás beiras do Golfo de Morbihan.

A exposición permanecerá aberta ata o 6 de novembro, no horario habitual de apertura do Faro Vilán: de mércores a domingo, de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00.

Os visitantes mergullaránse nunha experiencia inmersiva, onde as obras funcionan como sorprendentes mapas marítimos percorridos por un mar en constante movemento.

A auga é o eixo central da súa obra: o seu medio, o seu motivo e a súa inspiración. A través de fluxos de tintas e pigmentos sobre grandes paneis murais, Jeune recrea a forma en que as ondas rompen e se expanden, xerando formas que evocan tanto o movemento como a forza implacable do mar.