O PP pide ao goberno estatal a base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na ría de Camariñas
Leva uns meses, dende a aparición do último narcosubmarino o pasado mes de xaneiro, pedindo o BNG unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira para a Costa da Morte, para reforzar a loita contra o narcotráfico. O PP teno claro tamén, solicitando concretamente que se instale na ría de Camariñas.
Así o proporá hoxe no Parlamento a deputada do Grupo Popular Paula Mouzo na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia que o Goberno de España. A iniciativa recolle as demandas e suxerencias realizadas polo responsable autonómico de CSIF-Galicia na Axencia Tributaria, Pablo Burgos, nunha reunión que mantivo co portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, a viceportavoz Paula Prado e a propia deputada Paula Mouzo.
A moción pedirá que se modernicen e reforcen os medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia; ampliar a dotación de medios persoais e materiais empregados polo Goberno de España na loita contra o narcotráfico na provincia de A Coruña; e garantir a plena operatividade horaria do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia para que non se comprometa a execución de operacións contra o narcotráfico ou outras actividades.
A deputada Paula Mouzo lamentou que “actualmente non existe unha soa base do Servizo de Vixilancia Aduaneira nin un só destacamento da Garda Civil en toda a Costa da Morte, o que converte a este área nun auténtico punto cego na loita contra o narcotráfico e que as mafias operen con total impunidade”.