Unha xornada campal na Liga Escolar de Regueifa
Que bonito ver como un tesouro da nosa tradicional oral estas recuperando dende os centros de ensino, que aproveitan para traballar o léxico e a axilidade mental.
A carón do proxecto Enreguéifate, 6 centros de ensino puxeron en marcha a Liga Escolar de Regueifa da Costa da Morte Norte. Organizada polos institutos de ensino secundario IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto), IES Isidro Parga Pondal e IES Alfredo Brañas (Carballo), e coa colaboración dos concellos de Camariñas e Vimianzo, a Liga celebrou a súa segunda xornada coa participación dos centros de Ponteceso (CEIP Eduardo Pondal), Malpica (CEIP Urbano Lugrís) e mais Cabana de Bergantiños (CPI As Revoltas).
O centro camariñán recibía a un cento de mozos e mozas chegados de Bergantiños con ansia de rimar e dar forza á tradición viva da música, a palabra e o baile galegos. O evento, conducido pola regueifeira Lupe Banco, resultou todo un éxito canto á participación activa da concorrencia e ao entusiasmo con que prenderon, quer na arte da versificación improvisada quer no baile, o canto e a pandeireta.
A sintonía entre o alumnado foi, como di a rapazada camariñá, “campal”; así evidenciouse nos xogos de improvisación e desafío como na Muiñeira de Sofán, que danzou, ben acompasado, un terzo da asistencia (alumnado e profesorado dos centros participantes).
Os finalistas
Cabana co Monte Branco, Camariñas co Vilán, aquí estamos os
mellores na arte de regueifar //
Aquí xa chegou Carballo, ao insti de Camariñas. O mundo vai
conquistare a Costa da Morte unida!
Esta foi unha das coplas que lanzaron os artistas da rima nos xogos de desafío dos que saíron finalistas entre sete e seis representantes por centro. Certo é que, inicialmente estaban previstos só tres; con todo, e por mor da calidade da concorrencia, decidiuse in situ subir o número. Así, xuntaranse na xornada de volta (por terras bergantiñás), os seguintes mozos e mozas:
- Do Eduardo Pondal Katia, Lucía, Zaira, Sabela, Noa, Martina e Naia;
- So Isidro Parga Pondal Diego, Tirso, Adela, Celtia, Pablo e Iria;
- Do Alfredo Brañas Samara, Abigaíl, Pedro, Mateo, Robert e Joel;
- Do CEIP As Revoltas Joel, Jorge, Valeria, Carmen, Sofía e Felipe:
- E do anfitrión Pedra da Aguia Rafa, Ainhoa, Daniela, Gabriel, Sebas e Bruno.
O Urbano Lugrís de Malpica tomará parte tamén no segundo encontro, programado para comezos de maio.
Xa en podcast
Xa podedes o podcast especial de Radio Aguia, no que dúas alumnas entrevistan a dous dos coordinadores do evento: Alberto Liñares e Carme Fernández, mellor coñecida como Carme de Lonxe, que é profesora de galego no Centro porteño; mentres que Liñares é un dos mestres que expanden a regueifa polo país nos obradoiros escolares do proxecto Reguéifate.
O centro agradece a colaboración de PanIgnacio que axudou cun pan de ovo que deu forzas aos participantes, para apoiar unha iniciativa que dinamiza a lingua galega e alenta as novas xeracións, inzadas de bailadores e regueifeiros nacentes, a nutriren estas expresións ancestrais da nosa cultura con torgos actuais e modernos acenos.