Unha andaina de convivencia polo Monte Branco para empezar ben o curso
Arrincou o novo curso no IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas). Fano coa mesma ilusión dun profesorado exemplar e implicado, pero mantendo a tendencia á baixa (pasan de 148 a 138 alumnxs, 260 menos que o primeiro ano da súa existencia, en 1998). O que non impide que vaian facer numerosas actividades singulares.
De feito, o pasado venres, para abrir o curso, alumnado e profesorado realizaron a tradicional saída de convivencia. Elixiuse a mesma roteiro do curso pasado, debido a que apenas se puido gozar debido á copiosa choiva que acelerou o regreso aos autobuses.
Este ano si que luciu o sol e acompañou o bo tempo, o que permitiu gozar da paisaxe da Costa da Morte e estreitar vínculos entre os seus participantes.
Uns 100 alumnos e 18 profesores participaron nunha “andaina” circular de 7km con saída e volta no Bar Vermello de Xaviña, por pistas forestais que lles levou a lugares espectaculares desde os que puideron divisar a duna de Monte Blanco e a praia de Trece, o Cemiterio dos ingleses, a ría de Camariñas, a praia de Reira e o incomparable marco de cabo Vilán. Foron un total de tres horas e media con parada intermedia para repoñer forzas e deleitarse coas marabillas da paisaxe.
Agora toca estudar e participar nas innumerables actividades extraescolares e complementarias que organizará o centro ao longo do curso, no que non faltarán as visitas ao río para ver a súa fauna e flora, a creación dun club de ciencia con proxectos prometedores, a consolidación do horto escolar con novos retos, as saídas a concertos, obras de teatro e empresas, así como a habitual visita ás institucións europeas e moitas novidades máis das que irán informando puntualmente