Unha saída de convivencia pasada por auga
O pasado venres 20 de novembro o IES Pedra da Aguia fixo a tradicional saída de convivencia entre alumnado e profesorado de comezo de curso. Tratábase de facer unha ruta circular duns 7km dende Bar O Roxo de Xaviña pasando por varios bosques puido albiscar dende varios miradoiros espazos tan singulares como o Faro Vilán, as praias do Reira e do Trece ou o Monte Branco.
A cousa pintaba ben, e a previsión meteorolóxica non era de todo mala. Acompañadas de protección Civil de Camariñas arrincaron a camiñada cos sorrisos e as conversas ben afiadas.
Pero o que realmente pasou despois non puido ser peor. A unha primeira confusión na ruta que desviou o grupo uns 20 minutos, uniuse un pouuco máis tarde unha chuvia incesante que cortou calquera indicio de convivencia. “Foi unha mágoa e algo totalmente imprevisible, xa que algunhas previsións non daban chuvia e outras a daban de forma esporádica e feble. Caeunos a mundial e chegamos embarrados, empapados e alguns rapaces ateridos de frío”, explican dende o centro, lamentando a situación.
Estando xa na metade do percorrido decidiron continuar ata o final, avisando por Abalar ás familias para que trouxesen roupa seca. Os autobuses leváronnos de volta ao Centro, onde moitos pais recollían aos seus fillos e outros foron levados polos profesores as súas casas.
A experiencia será sen dúbida inesquecible, pero non formaba parte dos plans do Centro, quen sempre intentou que este tipo de saídas fosen exitosas.