Ángel Carracedo imparte unha clase maxistral este xoves no Pazo da Cultura de Carballo
O Instituto de Estudos Bergantiñáns no seu labor de divulgación do patrimonio, da cultura e da ciencia, organiza a charla PROXECTO XENOMA GALICIA, que impartirá o doutor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago e prestixioso xenitista internacional e un dos científicos actuais de Galicia cun maior recoñecemento.
A charla terá lugar o xoves 29 de xaneiro, ás 20 horas no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.
Presentará o acto a filóloga Lucinda Andrade Cives e a presentación do conferenciante correrá a cargo do historiador Luis A. Giadás Álvarez.
Persoa de extraordinaria calidade humana que se amosa na súa humildade, proximidade ou empatía, natural de Santa Comba, con raíces en Bergantiños, xa que o seu avó paterno era oriúndo da parroquia carballesa de Rus.
Angel Carracedo é dos investigadores que mellor encarna os valores dos científicos: traballo, discreción e constancia, pero ademais desenvolve un encomiable labor de divulgación científica, imprescindible para transmitir a importancia da ciencia á poboación escolar e adulta, a través das súas amenas charlas.