A Asemblea do Ensino da Costa da Morte pega un salto unindo ás familias á loita do profesorado

Imaxes Asemblea do Profesorado celebrada no Pazo da Cultura de Carballo

O movemento en defensa do ensino público na Costa da Morte deu onte un salto cualitativo e cuantitativo. A Asemblea Aberta, celebrada no Pazo da Cultura de Carballo, logrou reunir a máis de 60 persoas, triplicando a asistencia da súa primeira convocatoria e consolidándose como un espazo de referencia na comarca, e poñendo en común as posturas de profesorado e familias.

Porque dende a organización (un grupo de profesores e profesoras implicados na loita pola dignidade do ensino público), lembran que este movemento, inspirado na horizontalidade das asembleas de base de Vigo, busca que as familias entendan que son o motor do cambio. "O compromiso das familias é vital; son as máis afectadas por esta situación e a súa voz é a que máis peso ten para que a Consellería cambie o seu xeito de actuar", conclúen.</p>

A xuntanza tivo lugar nunha xornada clave, coincidindo coas manifestacións convocadas ás 19:30 h en Vigo, O Morrazo, Mos, O Porriño, O Condado e Redondela, demostrando que a Costa da Morte forma parte dunha fronte común galega que loita por unha educación pública de calidade.

Radiografía dun ensino en precario 

Durante o encontro, no que participaron representantes de numerosos centros educativos da zona, familias e representantes sindicais da CIG, realizouse unha posta en común das problemáticas que asfixian o día a día nas aulas:

  • Ratios que impiden educar: A masificación nas clases impide unha atención digna e prexudica o benestar emocional e académico do alumnado.
  • Abandono da diversidade: A carencia de persoal de apoio (PT, AL, orientación) é unha queixa unánime que deixa sen recursos aos nenos e nenas que máis o necesitan.
  • Déficit estrutural: Denunciáronse as graves deficiencias nas instalacións de diversos centros (especialmente no IES Fernando Blanco de Cee, IES Eduardo Pondal de Ponteceso ou o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños).
  • Excesiva burocracia e atribución continua de novas funcións: A sobrecarga burocrática que sofre o profesorado fai que poida adicar menos tempo ao importante, que é impartir clases de calidade.
  • Perda de autoridade do profesorado: Cada vez son máis comúns as faltas de respecto cara a figura dos docentes.

A idea das asembleas tras a posta en común, é buscar un espazo onde se poida tecer rede e construír un espazo que busque solucións. Para pasar á acción proponse:

  • Incremento de centros implicados: Conseguir sumar máis xente a este espazo para estar máis unidos. 
  • Diagnóstico real: Pasarase un cuestionario aos centros para priorizar as liñas de actuación segundo as necesidades urxentes detectadas polo profesorado.
  • Sensibilización: Elaboración dunha guía para realizar exposicións nos centros sobre dereitos laborais e a importancia da loita docente.
  • Alianza Familias-Profesorado: Institucionalizar reunións entre o profesorado e as ANPAs para informar sobre a situación de persoal e a atención á diversidade en cada centro.

Máis novas