mércores. 04.02.2026
El tiempo

O peche dos #MartesenLoita no IES Agra Raíces visibilizou as carencias do ensino pública na comarca

Peche ensino publico no IES Agra Raices de Cee
O peche dos #MartesenLoita no IES Agra Raíces visibilizou as carencias do ensino pública na comarca

Converteuse o IES Agra Raíces esta pasada tarde-noite de martes 3 de febreiro, no epicentro da loita do profesorado por un ensino público galego digno en toda Galicia. O centro ceense acollía un peche reivindicativo, enmarcado nas mobilizacións do profesorado na campaña #MartesenLoita convocada pola CIG, que este xoves se trasladará ao CRA Ponte da Pedra da Carballo. Unha vintena de mestres da comarca concentráronse, apoiados pola comunidade escolar, nomeadamente a ANPA, para visibilizar o conflito laboral que mantén desde comezos de curso coa Consellaría de Educación. Moitos quedaron a pasar a noite.

Estas accións (xa van 9 por toda Galicia, descentralizando así o conflito) tratan poñer de manifesto as necesidades máis urxentes no ensino público: rebaixa de ratios, recuperación do horario lectivo, máis persoal para atender a diversidade, redución da burocracia, reforma da FP consensuada, melloras salariais e respecto profesional.

Durante a sesión, á que acodiron varios membros do BNG, repasaron os moitos problemas que levan sufrindo profesorado e Anpas durante este comezo de curso na Costa da Morte, pola falta de persoal para atender á diversidade nos colexios de infantil e primaria e nas últimas semanas intensificáronse as denuncias da situación precaria das instalacións do IES Fernando Blanco, do CEIP Labarta Pose, do CPI de Zas e do IES Eduardo Pondal, entre outros.

Peche ensino Ies Agra Raices

Peche ensino IES Agra de Raíces Cee

Martes en loita

Por outra banda, hoxe foi o segundo día no que tivo lugar esta acción consistente na visibilización nos propios centros de ensino das necesidades máis acuciantes que ten o sistema educativo galego para ofrecer un servizo público de calidade. "Martes en loita" bebe do que xa viñan facendo algúns centros desde comezos de curso, e tamén algunhas Anpas. Consiste en que o profesorado vista de negro ou con mensaxes reivindicativas para chamar a atención de alumnado e das familias sobre os problemas para atender correctamente todas as necesidades que hai nas aulas, a excesiva burocratización do ensino ou a falta de negociación e de interlocución coa Consellaría en aspectos chave para o bo funcionamento do sistema educativo. O vindeiro martes, a CIG-Ensino chama a que esta acción se visibilice conxuntamente en toda Galiza coa organización de concentracións en todos os centros e a súa difusión a través das redes sociais e dos medios de comunicación locais.

Visita ao IES Fernando Blanco

Oscar Insua BNG ni IES Agra Raices

O BNG, ademais de apoiar o peche do Martes en Loita, realizou unha visita ao IES Fernando Blanco para coñecer de primeira man as deficiencias que presenta, acompañado por profesores e membros da directiva da ANPA do centro educativo.

Este xoves, en Carballo

Carballo toma o relevo das mobiizacións cun peche que se celebrará a partir das 18:00h no CRA Ponte da Pedra.

Máis novas

Comentarios