Axober pon a Carballo no foco da descarbonización
- O ‘Noroeste 0 Emisións’ consolídase como o gran foro da descarbonización na Costa da Morte despois de tres xornadas de alto nivel.
Gran nivel o amosado nas tres xornadas do congreso “Noroeste 0 Emisións”. A Asociación de Empresarios de Bergantiños - AXOBER -, reuniu durante tres días no Fórum Carballo a expertos do sector enerxético, representantes empresariais e profesionais, representantes políticos e veciñanza, consolidando esta cita como un espazo de referencia para a análise dos retos e oportunidades da transición enerxética no ámbito máis local.
Despois dunha primeira xornada que centro a atención sobre os vehículos eléctricos, e unha segunda sobre a iluminación nocturna nos espazos públicos, a xornada do venres centrouse na eficiencia enerxética.
Do primeiro relatorio da mañá encargouse José Ángel Abad, xefe da área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega, quen abordou o papel dos CAES como ferramenta clave para o aforro enerxético.
A continuación, Iván Andrade, director técnico de Energal, afondou nos contratos ESE - Empresa de Servicios Energéticos - e no seu impacto na mellora da eficiencia en empresas e administracións. “A mensaxe que hai que transmitirlle sempre ao cliente é que o aforro enerxético non se promete; estructúrase, mídese e deféndese con datos”, indicou.
Un dos momentos destacados foi a exposición de casos de éxito en servizos enerxéticos, presentada por Álvaro Piñeiro, xerente de Ferrovial SA, quen puxo en valor a viabilidade de solucións reais xa implantadas.
Tras unha pausa para o café, a xornada continuou coa intervención de Xosé Manuel Golpe, presidente de Agacen, quen explicou o funcionamento do mercado enerxético OMEI, achegando unha visión práctica sobre a súa operativa. Pola súa banda, Alfonso Sánchez, de Inelcom, centrouse no control e a telexestión enerxética, así como coa intervención de Miguel Ángel Zamorano, director comercial de Imesapi, quen abordou a rehabilitación enerxética residencial como un dos grandes retos do presente e do futuro.
O Alcalde de Carballo, Daniel Pérez; e o Presidente de AXOBER, Diego Iglesias; encargáronse de pechar o evento destacando a alta calidade do programa e o interese xerado coas distintas iniciativas incluídas nel. “Este foi un evento cunha alta calidade de contidos, con relatorios e actividades paralelas de gran nivel que fixeron que Carballo fose durante estes días o punto de referencia para a transición enerxética”, destacou Diego Iglesias, Presidente de AXOBER.
Pola súa banda, o Alcalde de Carballo, Daniel Pérez sinalou que “durante este este días o Fórum de Carballo foi o corazón palpitante sobre o debate da transición enexética e a sustentabilidade no noso país”. O rexedor pechou o programa dándolle as grazas a AXOBER “por facer posible este encontro e por demostrar, unha vez máis, que o noso tecido empresarial está comprometido coa nosa vila e co futuro de todos e de todas”. Tamén lle dou as grazas aos concesionarios locais “que amosaron que a mobilidade limpa xa non é unha utopía se non que é unha realidade ao noso alcance”.