Contando as horas para a edicion “máis diversa, social e inclusiva" do pioneiro Carballo Interplay
- O Mercado carballés acollerá do 24 ao 27 de abril o festival de contidos dixitais
- Toda a programación e horarios en: carballointerplay.com
Cando quedan dous días para o comezo das actividades, esta mañá presentouse a XII edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Un festival, como a propia rede, en continua evolución, e precisamente iso foi o que destacaron as directoras do festival, Sonia Méndez e Andrea Villa. "O Carballo Interplay pasou de ser o primeiro festival de webseries do estado a unha cita de referencia para reflexionar sobre as tendencias da rede, coñecer podcast e creadores en tendencia a nivel estatal, achegarse a webseries de todo o mundo e converterse nun punto de encontro para creadores galegos", sinalaron.
Participaron na presentación do evento Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director de AGADIC e o Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.
Porque a completa programación desta edición pon o foco na diversidade, inclusividade para crear espazos libres e seguros en redes a través do humor e o feminismo, e conta ademais con grandes nomes estatais como Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo, protagonistas de eventos singulares que provocaron que se esgotasen de contado.
Con todo, o festival non perde a súa esencia, e a proxección de webseries tamén será protagonista, tendo este ano unha vintena de propostas de todo o planeta para a Sección Oficial, e tamén unha ducia de series e proxectos galegos, demostrando o compromiso deste festival pola promoción do talento audiovisual e creativo do país, como quixo destacar Sonia Méndez. “Hai produtoras novas que sairon dos proxectos do Interplay”.
Unha das citas destacadas será a estrea da serie Mariliendre, do director galego Javier Ferreiro, que xusto o domingo se estreará en ATresPlayer.
Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo, declarou que é un “orgullo” para Carballo acoller o festival. “Un espazo de liberdade onde todo o mundo que ten algo que contar atopa o seu oco” , destacou. Natividade González,
deputada de Cultura da Deputación da Coruña puxo en valor o “compromiso coa innovación” e Jacobo Sutil, director de AGADIC, pola súa banda, sinalou a importancia da evolución do evento “extratéxico dentro do panorama audiovisual galego”.
“Ser pioneiro está moi ben, pero o que nos enche é ver que aquela primeira vez fai XII edicións ten continuidade, e hai outros eventos que miran a este por ser modelo” rematou a presentación Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.
Humor e reflexión
Facu Díaz e Miguel Maldonado, Bob Pop, Ángela Henche e Albanta San Román, Ana Polo... son os principais nomes estatais que abrirán o foco a novos espectadores.
Pero ademais o festival contará tamén con varios paneis e actividades dedicados a reflexionar e aprender sobre as novas tendencias na rede e sobre como convivir no universo dixital desde unha ollada feminista ou antirracista. Na xornada da mañá do venres a Zona Pro explorarase o fenómeno do true crime, o seu formato, o estilo a ambientación, así como conflictos éticos, da man de dous proxectos galegos premiados pola iniciativa Radar Podcast Spotify, La Crónica Oscura e Sofá, Manta y Crimen xunto a Jesús Carbón, responsable de partnerships con creadores, medios de comunicación e productoras de
podcasts en Spotify España.
UN PUNTO DE ENCONTRO PARA A CREACIÓN DIXITAL EN GALEGO
Nesta edición o Carballo Interplay demostrará tamén como a comunidade dixital de Galicia non ten fronteiras con un encontro co mestre de Nova Iorque Andy Chichester, un “ianquie de alma galega”, como el mesmo se define. Chichester conversará con Federico Pérez sobre a súa experiencia como neofalante e sobre a súa descuberta da cultura galega. Tamén pasarán polo festival Non Saímos do Lixo ou o vidopodcast O Faiado.